Economía deseña e novo plan de I+D+i e creará unha axencia galega neste ámbito

Actualizado: miércoles, 16 septiembre 2009 17:12

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Sep. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou hoxe que este departamento deseña un novo plan galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) e que traballa para a creación dunha axencia galega específica neste ámbito.

Durante a súa intervención nas xornadas 'Colaborar para innovar: as oportunidades do Fondo Teconolóxico Europeo para Galicia', organizadas pola consellería, Guerra considerou que a investigación, a innovación e a creatividade son "factores clave" para "asegurar o futuro do modelo de desenvolvemento económico de Galicia".

A creatividade, dixo en concreto, é "un ingrediente imprescindible e un aliado para afrontar a crise global", polo que a Xunta, afirmou, fai promoción "das novas boas ideas" e busca que Galicia se coloque "na vangarda da reactivación económica".

Neste sentido, indicou que o Goberno galego destinou, nos últimos meses, máis de 100 millóns de euros para activar a investigación.

Nas xornadas, á que acudiron unhas 300 persoas pertencentes a universidades, centros tecnolóxicos, organismos de investigación, plataformas e sector empresarial, presentáronse as oportunidades de participar no Fondo Tecnolóxico para incrementar o interese en Galicia e fomentar a cooperación nesta área.

20% DE PROXECTOS GALEGOS NO FONDO TECNOLÓXICO

Pola súa banda, o director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) --integrado no Ministerio de Ciencia e Innovación--, Maurici Lucena, indicou que os proxectos galegos representan preto do 20 por cento dos financiables dentro do fondo, que ten como obxectivo "aumentar a competitividade das empresas españolas elevando o seu nivel tecnolóxico".

O tipo dos proxectos presentados en Galicia, proseguiu, "mostra que as empresas" da Comunidade galega "apostan por unha forma ambiciosa e enriquecedora de participación" no Fondo Tecnolóxico.

Algunhas das empresas que obtiveron financiamento deste fondo participaron tamén nas xornadas, entre elas algunhas firmas do sector naval, as tecnoloxías dos materiais ou a construción. Tamén foi invitado o proxecto 'Disonancias', unha plataforma dirixida a empresas, centros de investigación ou entidades públicas interesadas en colaborar con artistas para promover a innovación.