Egatel desenvolve un micro reemisor rexenerativo para dar cobertura de TDT a pequenas poboacións galegas

Este proxecto beneficiará aproximadamente a máis de 6.000 persoas que habitan en núcleos recónditos do interior da Comunidade Autónoma

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 10 enero 2010 14:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Ene. (EUROPA PRESS) -

A empresa Egatel desenvolveu un micro reemisor rexenerativo capaz de achegar a cobertura da Televisión Dixital Terrestre (TDT) a pequenas poboacións galegas antes do apagamento analóxico.

En declaracións a Europa Press, o director de Innovación e Desenvolvemento de Egatel, Esteban Solleiro, sinalou que este produto é "único no mercado" xa que conta coa novidade de poder realizar nun solo módulo a correspondente demodulación do sinal que recibe do aire, e á súa vez "remodular e recuperar a súa calidade".

Deste xeito, o micro reemisor rexenerativo DVB-T/H, serie MRR5000, realiza ambas as dúas funcións de modulación e remodulación fronte ás limitacións dun repetidor convencional. Segundo explicou Solleiro, o aparato establécese como unha solución "máis compacta" en diferenza do antigo modelo de equipos cunha potencia entre un e cinco vatios.

Xunto a isto, Solleiro destacou que a tecnoloxía empregada é "cen por cento galega", xa que todas as investigacións levadas a cabo, así como os seus sistemas, tiveron lugar en Ourense. Ademais, o aparato ten "unha instalación convencional" e o seu procesado realízase dun xeito "máis sinxela".

Así mesmo, o aparato permite completar despregamentos da TDT de tipo MFN (Rede de frecuencia múltiple), onde distintas frecuencias son utilizadas para transmitir contido audiovisual. Grazas a iso establécense parámetros de calidade e permite corrixir erros na difusión.

Na actualidade, Egatel dedica o 15 por cento do seu presuposto a innovación en materiais de radiodifusión, como transmisores e receptores. En concreto, está especializada no desenvolvemento de sistemas para transportar sinais de televisión, xa sexa en formato analóxico ou dixital.

ÁREAS DE COBERTURA

Este proxecto levou a cabo no último trimestre de 2009 en colaboración con Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal), empresa da Xunta de Galicia encargada da xestión de infraestruturas e servizos de telecomunicación institucionais, para "beneficiar aos núcleos máis perdidos do interior galego", subliñou Solleiro.

Así as cousas, as áreas de cobertura abranguen a zona este de Ourense, así como o sur do Monte Meda. Desta forma, os módulos estarán situados nuns 60 centros de emisión diferentes, nos que pode haber entre 100 e 600 persoas por punto.

Nesta liña, Esteban Solleiro sinalou que é moi difícil contabilizar o número de individuos que se pode ver beneficiados, aínda que estipulou que "máis de 6.000 persoas" formarán parte desta medida. Máis alá da cifra en concreto, Solleiro destacou como o "máis importante" os lugares de difícil acceso aos que chegará este micro reemisor.

Contenido patrocinado