Egatel (Emte) subministrará unha rede de televisión dixital terrestre en Finlandia

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 18 julio 2007 17:59

MADRID 18 Jul. (EUROPA PRESS) -

Egatel, empresa pertencente ao grupo industrial Emte, resultou adxudicataria por parte do operador finlandés de comunicacións Vasa Telephone Company (VLT, grupo Finnet) do proxecto para a subministración e posta en marcha dunha rede de televisión dixital terrestre (TDT), informou hoxe a compañía.

O proxecto, unha vez despregado, cubrirá unha área de 9.000 quilómetros cadrados e dará servizo a 30.000 subscritores da cidade de Vasa e arredores.

Egatel porá en marcha un sistema que consta de tres equipos transmisores principais (un de 500 W de potencia e os dous restantes de 1 KW) e 21 reemisores de isofrecuencia de TDT para completar a cobertura da área.

A subministración de equipos, que culminará a finais deste mes de xullo, realizouse dende o centro de operacións de Egatel en Galicia, e desprazouse a Finlandia persoal especializado da empresa para supervisar a instalación e realizar a posta en marcha do sistema, que espera que estea listo e en funcionamento en setembro.

Pola súa banda, a rede estase a subministrar mediante a empresa Scansatel, un dos máis destacados provedores de servizos en Finlandia na área de tecnoloxías IP e de banda ancha.

O director xeral de Egatel, Javier Acosta, salientou que a adxudicación dun proxecto de televisión dixital en Finlandia, "o país máis avanzado de Europa en tecnoloxía, certifica a posición punteira da compañía a nivel mundial e un paso máis cara á internacionalizacion da empresa".

Este proxecto introduce ao operador finlandés VLT -que actualmente opera nos sectores de telefonía, banda ancha e televisión por cable, no que ten uns 50.000 subscritores- no da televisión dixital terrestre.

Contenido patrocinado