SANTIAGO DE COMPOSTELA 26 Feb. (EUROPA PRESS) -
A compañía T-Solar lidera o proxecto europeo de investigación 'Helathis', que pretende mellorar o rendemento dos módulos fotovoltaicos de silicio de capa delgada co obxectivo de reducir "sensiblemente" o custo de produción por módulo.
Esta iniciativa forma parte do Programa Marco da Comisión Europea e conta cun presuposto global de 3,1 millóns de euros. Esta empresa ten unha planta en Ourense onde se realizan os paneis solares máis grandes do mundo, e conta con 28 centrais en toda España.
Segundo o director de Tecnoloxía, Innovación e desenvolvemento de T-Solar e impulsor do proxecto 'Helathis', Jordi Andreu, a transformación fotovoltaica de enerxía solar en electricidade experimentou nos últimos anos "un avance impresionante" tanto en aumento da capacidade instalada coma en redución de custos.
"Esta tecnoloxía continúa sendo cara e, por iso, é necesario evolucionar na baixada de custos para converter a electricidade fotovoltaica nun elemento máis competitivo", subliñou Andreu.
O rendemento dos módulos aproveitarase mediante estratexias de confinamento óptico que permitan mellorar a rendibilidade da luz, e reducir así o custo de fabricación por vatio.
O proxecto Helathis ten unha duración de tres anos e nel participan xunto a T-Solar, a Universidade de Barcelona, a Universidade de Utrecht, o centro alemán Forschungszentrum Jüelich e a empresa belga AGC Flat Glass Europe, primeira produtora mundial de vidro plano destinado á construción e á industria especializada.