Esinor desenvolve un sistema pioneiro que permite un aforro de máis do 60% nas redes de iluminación

A empresa galega prevé triplicar este ano a súa facturación, ata 20 millóns, e ten proxectos para expandirse en Canarias e Andalucía

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 17 abril 2007 15:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega Esinor presentou hoxe en Santiago de Compostela un sistema pioneiro, denominado ComputerCraft, de xestión e aforro de enerxía para redes de iluminación, permitindo reducir o seu consumo eléctrico en máis dun 60%.

O director da empresa, Roberto Pérez, salientou que "xa está implantado este sistema nun centenar de organismos", entre os que destacou Tecnópole, o parque empresarial situado en San Cibrao das Viñas (Ourense). A empresa, fundada en 1985, destina o 6% da súa facturación anual a investigación e desenvolvemento (I+D).

Ademais, avanzou que prevé incrementar este ano a súa facturación ata os 20 millóns de euros, máis do triplo que o pasado exercicio, e conta xa con proxectos para expandirse a Canarias e Andalucía, así como algunha iniciativa internacional, pero "que aínda está verde", admitiu Roberto Pérez.

Esinor prevé ter en funcionamento este ano a súa sede central e fábrica no Concello de Sigüeiro (A Coruña), unha localización que considera óptima pola súa situación xeográfica en Galicia e redes de comunicación, que constituirá o centro de expansión nacional do grupo e a creación de 50 empregos directos e entre 70 e 80 indirectos.

As novas instalacións permitirán á compañía afrontar a produción necesaria para cubrir a demanda prevista para os próximos cinco anos, mellorando a competitividade do produto, reducindo os prazos de entrega e reforzando os servizos de implantación dos sistemas.

RAPIDA AMORTIZACIÓN

Roberto Pérez subliñou que o aforro real de máis do 60% do gasto dun rede iluminado, reducindo a potencia cando é aconsellable e aumentando a vida das lámpadas, permite unha amortización da inversión en menos de tres anos, que pode reducirse a dous coas subvencións públicas actuais.

Tamén apuntou que se realiza unha telexestión da rede da iluminación dende un único punto de mando, podendo actuar sobre cada punto de forma independente. Ademais, lévase a cabo un seguimento da previsión de gasto e pódese modificar o consumo para adaptarse á estimación inicial.

O director de Esinor resaltou igualmente que ComputerCraft "detecta a maioría de avarías con antelación, como cando está a punto de fundirse unha lámpada ou de rematar a súa vida útil", polo que se poden substituír antes de que deixen de prestar o seu servizo.

Como exemplo das vantaxes deste modelo, Roberto Pérez recordou que a posta en marcha do ComputerCraft entre os seus clientes o ano pasado permitiu un aforro de 12,6 millóns de kw/h de consumo eléctrico, de 1,13 millóns de euros e de 11,4 millóns de toneladas de CO2.

Contenido patrocinado