SANTIAGO DE COMPOSTELA/MADRID 2 Oct. (EUROPA PRESS) -
Galicia é a segunda autonomía -só por diante de Extremadura- con menor porcentaxe de usuarios frecuentes de internet cun total do 37,9 por cento de persoas que utilizan polo menos unha vez ao mes esta aplicación informática -cando a media é do 49,2, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatísticas (INE).
Ademais, a Comunidade galega ocupa o último posto na porcentaxe de persoas que utilizan a telefonía móbil co 81,9 por cento da poboación, mentres que a media no conxunto de España é do 88,8 por cento.
Os datos revelan ademais que o 47,6 por cento dos residente de Galicia utilizaron internet nos últimos tres meses, mentres que as persoas que empregaron o ordenador durante o mesmo período é do 52,1 por cento.
En xeral os servizos de internet máis utilizados polos españois son, segundo o INE, a busca de información (82 por cento), o correo electrónico (81,9) e o acceso a contidos relacionados con viaxes e aloxamentos (61,8). Ademais, a metade dos internautas obtivo información de páxinas da Administración nos últimos tres meses, un 27,4 por cento descargouse formularios e o 16 enviounos cumpridos.
En canto á repartición xeográfica, a Comunidade de Madrid (62,3 por cento) e Cataluña (60,1%) son as máis propensas ao acceso a Internet. Pola súa parte, País Vasco, Navarra, as Islas Baleares, Cantabria, Asturias, Canarias e Aragón contan cunha taxa superior ao 50 por cento.
USO DE MENORES
O informe do INE pon de manifesto que a penetración das tecnoloxías entre a poboación infantil é moi alta, de maneira que o uso do ordenador entre os menores alcanza o 94,1 por cento, mentres que o acceso a internet se sitúa no 82,2 por cento.
Atendendo á nacionalidade do internauta, a porcentaxe de españois (78,6 por cento) que se conecta á rede dende a súa casa supera o dos estranxeiros (62,3), ao igual que na conexión dende o centro de traballo (45,6 fronte a 19,9 por cento). Pola contra, o 35,2 por cento dos estranxeiros faino dende un cibercafé ou similar, fronte a un 7 por cento dos españois.