O Goberno concede un crédito de case 100 millóns para infraestruturas de telecomunicacións en Galicia

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 4 julio 2008 19:19

SANTIAGO DE COMPOSTELA 4 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Consello de Ministros autorizou hoxe a addenda ao convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e Galicia para o desenvolvemento do Programa de Infraestruturas de Telecomunicacións no marco do Plan Avanza, de forma que a comunidade galega recibirá un crédito de 98,98 millóns de euros.

A Comunidade galega achega ao programa un millón de euros e a devolución do empréstito, a un tipo de interese cero, deberá realizarse no prazo máximo de 15 anos, incluídos os tres de carencia.

O programa que se desenvolve en Galicia consiste en estender redes de telecomunicación ás zonas nas que as carencias na infraestrutura despregada polos operadores non permiten ofertar servizos de banda ancha axeitados aos cidadáns.

Así mesmo, esténdese a cobertura da TDT mediante o financiamento das infraestruturas necesarias para complementar a cobertura e a difusión dos sinais de entidades e sociedades concesionarias do servizo esencial da televisión.

A Conferencia Sectorial de Telecomunicacións e Sociedade da Información, celebrada o 10 de decembro de 2007, acordou os criterios de distribución territorial, e a distribución resultante, dos créditos destinados pola Administración Xeral do Estado ao financiamento das actuacións do Plan Avanza, que tamén benefician a Cataluña e Castilla-La Mancha, de forma que as tres addendas autorizadas hoxe suman un importe de 225,98 millóns de euros en empréstitos.

Contenido patrocinado