Grelos deshidratados e mexillóns en atmosfera protectora, exemplo da aposta polo I+D das cooperativas

A aplicación das novas tecnoloxías permítelles recuperar produtos tradicionais como o requeixo ou plantas medicinais

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 12 octubre 2007 13:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Oct. (EUROPA PRESS) -

As cooperativas galegas realizaron unha aposta pola innovación nos seus procesos produtivos tanto para para sacar ao mercado novos produtos como para recuperar aqueles que requiren dun proceso artesanal e, polo tanto, máis delicado. Esta aplicación de I+D permitiulles ser as primeiras en ofrecer aos consumidores grelos deshidratados ou mexillóns elaborados en atmosfera protectora, pero tamén en rescatar alimentos tradicionais, case esquecidos fóra da elaboración caseira, como o requeixo.

"Están a realizar unha aposta clara e potente pola innovación", asegurou a Europa Press o presidente da Asociación Galega de Cooperativas (AGACA), Higinio Mougán, quen non obstante, descartou, que isto sexa incompatible pola recuperación de produtos tradicionais.

Precisamente, esta é a aposta da cooperativa agraria Condado de Paradanta cuxa actividade céntrase basicamente na elaboración do queixo popularmente coñecido como 'Requeixón das Neves' e a extracción e envasado do mel, así como a elaboración de licores variados. A filosofía desta empresa, segundo apuntou Mougán, é a busca da calidade dentro dun proceso de mellora continua, a través dunha estratexia de diferenciación do produto natural, tradicional e saudable.

Non obstante, as aplicacións de I+D serviron tamén ás cooperativas para apostar por produtos innovadores como os grelos deshidratados, que consiste en someter esta verdura a un proceso lento, a unha temperatura máxima de 40º e comercialízase envasándoo.

Este é o produto estrela da Cooperativa Milhulloa, situada en Pas de Rei, que con tan só tres socios, dúas mulleres e un home, a súa facturación no último ano foi de 25.000 euros, xa que tamén comercializa plantas aromáticas medicinais.

Outro produto novidoso é o mexillón vivo ou cocido en atmosfera protectora, un novo sistema de conservación de alimentos que aplicado tamén a ameixas, berberechos, ostras ou bígaros vivos que permite envasalos, sen aditivos, para o seu consumo en fresco, xa que se conservan entre 8 e 5 días dentro da atmosfera protectora. Ademais, tamén se pode cociñar directamente no microondas.

A cooperativa Amegrove está a traballar neste tipo de produtos. Formouse en 1986 e está localizada en O Grove (Pontevedra) e está integrada por 315 socios e 22 traballadores.

En produción pesqueira destaca tamén o traballo da cooperativa 'Artesáns do Mar'', é un proxecto novidoso posto en marcha este mesmo ano na localidade de Meira-Moaña (Pontevedra), integrado por tres socios e especializados na comercialización directa de produtos pesqueiros artesanais do mar.

Buscan ofrecer aos seus clientes unhas garantías de calidade, orixe e procedencia dos seus produtos, posto que traballan exclusivamente con produtos autóctonos, que se exploten de forma artesanal e que procedan das pesqueiras sostibles a medio e longo prazo, responsables co medio.

Os seus produtos --navalla, ameixas e algas-- contan con selo de calidade que dan certificación ecolóxica procedentes de pesqueiras sostibles e responsable co medio mariño, o que se traduce en produtos 'Delicatessen'.

Esta aposta pola produción ecolóxica tamén inclúe as cooperativas de carne, como é o caso da de Biocoop en Verín, integrada por 32 socios traballadores e é pioneira en Galicia na comercialización de tenreira ecolóxica e na recuperación das razas autóctonas en perigo de extinción. No último ano a súa facturación aproximouse ao millón de euros.

SALON DELICATESSEN.

Estes e outros produtos na mesma liña creados por 17 cooperativas galegas e portuguesas, unidas nun proxecto de cooperación comunitario Desqoop, poderán coñecerse no Salón das Denominacións de Orixe e Delicateseen, que se celebrará do 15 ao 17 de outubro no recinto feiral do IFEVI en Vigo.

Higinio Mougán destacou o "peso específico" na economía galega das cooperativas. Así, se referiu a un estudio do consello Galego de Cooperativas que revelou que o 22% das vendas de produtos da industria alimentaria teñen a súa procedencia nas cooperativas agrarias.

FACTURACION 1.120 MILLÓNS DE EUROS.

Este colectivo aglutina en Galicia a 230 sociedades que suman un total de 45.000 asociados e alcanzan un volume de facturación anual de 1.120 millóns de euros, "o que ofrece elementos para estimar o seu peso real no mercado".

Ademais, un total de 83.000 galegos apostaron por crear a súa propia empresa en Galicia, pero baixo a fórmula xurídica de cooperativa, o que significa a creación de 26.000 postos de traballo directos ou inducidos.

Contenido patrocinado