O Igape e as universidades galegas colaborarán para fomentar proxectos creativos de empresas en Ferrolterra

Actualizado: lunes, 7 abril 2008 18:03

Fernández Antonio sinala Ferrol como "terra de oportunidades" e avoga por inverter en innovación para "xerar crecemento e emprego"

FERROL, 7 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) colaborará coas tres universidades galegas para fomentar o desenvolvemento de proxectos creativos innovadores que melloren a competitividade empresarial nas bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal.

O Igape inverterá no proxecto este ano 120.000 euros, que se repartirán en dúas partidas: 80.000 euros para o desenvolvemento do convenio -gastos de funcionamento da comisión de seguimento ou a asistencia externa para a avaliación de iniciativas-, e 40.000 euros para fomentar a presentación de iniciativas, pre proxectos ou proxectos.

O Igape poderá, ademais, convocar premios a persoas físicas ou xurídicas, departamentos universitarios ou centros tecnolóxicos que oscilarán entre 1.000 e 4.000 euros. Os autores das iniciativas que se acollan ao convenio contarán con asesoramento, asistencia técnica e incentivos económicos.

As actividades prioritarias para estas iniciativas son as enerxías alternativas, a loxística, a industria naval, o turismo, e o medio e a natureza, que se consideran no Plan Integral de Desenvolvemento das Bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal, coordinado polo Igape e formulado pola Xunta de Galicia como modo de potenciar o desenvolvemento económico e industrial da zona.

No entanto, tamén se poderá acoller a este convenio calquera outra actividade ligada ao coñecemento que, aínda que non exista na zona, se poida implantar nun prazo de tempo medio.

EVALUCIÓN.

As iniciativas que sexan avaliadas positivamente pola comisión de seguimento pasarán a fase de pre proxecto, na que se estudará o grao de aceptación polo mercado e a súa adecuación ás necesidades de desenvolvemento das bisbarras. Valoraranse factores como o seu presuposto, ou os equipos técnicos, tecnolóxicos ou empresariais precisos.

Unha vez superadas as fases iniciais de avaliación, as iniciativas converteranse en proxectos, que deberán ser aprobados por organismos públicos ou privados, que serán os que asuman o compromiso de financialos.

TRIPLA HÉLICE.

O conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, destacou na sinatura do convenio que se celebrou hoxe en Ferrol, o valor da "tripla hélice" -universidade, administración, empresa- como "base da cooperación e do crecemento".

Neste sentido, subliñou que se demostra o compromiso das tres universidades con Ferrol e se dá "un paso máis no "esforzo tenaz" que supón Plan de Desenvolvemento para a "creación de emprego e riqueza".

Fernández Antonio asegurou que "Ferrol é hoxe unha terra de oportunidades, unha terra atractiva", así como a zona de Galicia con máis chan industrial, na que "hai que seguir invertendo en innovación" para "xerar crecemento e emprego".

No acto de sinatura do convenio, que se celebrou no edificio da Xunta en Ferrol, participou o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o seu homólogo da Coruña, José María Barja; e o de Vigo, Alberto Gago. Tamén estivo presente o presidente da Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF), Xesús Anxo López Pintos. A Asociación, integrada por empresarios e sindicatos, realiza, entre outras funcións, tarefas de seguimento do cumprimento do Plan Integral.