Incubadoras de empresas piden o "máximo rigor" en "financiamento" e fortalecer ao emprendedor ante a crise

Actualizado: lunes, 19 enero 2009 15:03

Crean a rede galega para "mellorar" en xestión e abrir vías de negocio como "un vehículo máis do ecosistema da innovación"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Ene. (EUROPA PRESS) -

O responsable da incubadora de empresas da Universidade de Santiago --Uninova--, Gustavo Marcos, apostou hoxe por ofrecer "o máximo rigor" aos emprendedores galegos con "bós plans de proxecto" e "asegurar unha boa rolda de financiamento" para "atender as súas necesidades de mercado" ante a crise e "estimular novas iniciativas empresariais".

En declaracións a Europa Press, Gustavo Marcos destacou que a Rede Galega de Incubadoras Tecnolóxicas, que celebrou hoxe a súa primeira reunión de traballo, naceu co obxectivo de "mellorar na xestión" e "poñer en común as incubadoras para facilitar ás empresas unhas maiores posibilidades de negocio e de mercado".

Durante a presentación oficial da súa constitución, o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, destacou que "se trata dun vehículo máis do sistema galego de innovación" e "unha oportunidade" para "dinamizar a actividade emprendedora" con "iniciativas de forte desenvolvemento tecnolóxico".

Asimesmo, afirmou que este "novo bosquexo" atenderá "as novas demandas" do mercado en "espazos de todo tipo" e "nos diferentes ámbitos de actuación", xa que as incubadoras "non se poden conformar con ser caseiros dos emprendedores", senón que "deben actuar como socios estratéxicos de todo o ecosistema".

Salustiano Mato comentou que o tecido empresarial debe "combinar todas as iniciativas específicas a través dunha estratexia de coordinación" e "como paso previo a estar en situación de competir de xeito individual".

Deste xeito, destacou "a madurez acadada polo sector" que "está ás portas de converterse nunha auténtica lanzadeira de empresas" e avogou por "ofrecer máis valor engadido" para "consolidar" o tecido emprendedor.

FUTURO

O representante de Uninova explicou que o traballo conxunto das incubadoras "permitirá que o equipo directivo de cada unha poida incorporar técnicas de xestión das demais" e, así, "estudar distintas metodoloxías de traballo".

Isto suporá "diferentes beneficios en común" xa que, por exemplo, "as incubadoras que teñen certificado os seus procesos de calidade" permitirán ao resto "facilitar a acomodación deses procesos de atención e de acordo cos estándares".

Como obxectivo prioritario, Gustavo Marcos detallou que intentarán "que as empresas teñan maior proxección" e "externalizar aínda máis empresas e con máis posibilidades" de cara a "construír un auténtico tecido industrial galego".

Pola súa banda, a vicerrectora de Innovación da USC, María José Alonso Fernández, que tamén participou na presentación da rede de incubadoras, alertou de que "en Europa non se fomenta a innovación o suficiente" e demandou "a creación dunha cultura que promova esta realidade".

Ademais, destacou a celebración en 2009 do 'Ano Europeo da Creatividade e a Innovación' e situouno como "o marco perfecto para promover a actitude emprendedora".