SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Abr. (EUROPA PRESS) -
'www.galiciapms.eu' é o portal web creado pola Consellería de Innovación e Industria no que a partir de hoxe máis de 70.000 pequenas e medianas empresas de Galicia poderán ter acceso de modo gratuíto a servizos TIC (tecnoloxía da información e comunicación). O obxectivo do departamento que dirixe Fernando Blanco é que as pemes galegas teñan ferramentas "útiles e necesarias" para competir no escenario internacional que ofrece a rede.
Así o argumentou Fernando Blanco na presentación hoxe en Santiago de Compostela deste portal web que busca que as medianas e pequenas empresas galegas "gañen maior presencia" na rede e consecuentemente proxección internacional.
Blanco incidiu na importancia de "sacar todo o partido" do que internet ofrece a este tipo de empresas, ás que lles facilita chegar a novos mercados e volverse "máis dinámicas". Por iso, este portal dálles a posibilidade de acceder gratuitamente a ferramentas de información e servizos TIC para que sexan "máis competitivas".
O portal dispón dun espazo virtual para o encontro das pequenas e medianas empresas, denominado 'Enterpemes', que ofrece servizos de videoconferencias, chats e foros, integrando todo tipo de ferramentas de contacto entre as 70.000 pymes.
Ademais, tamén conta cun ampla información sobre axudas, subvencións e concursos aos que poden acceder como programas europeos de interese, un laboratorio con biblioteca de artigos, conferencias e guías de recursos centrados en iniciativas emprendedoras, formación, divulgación tecnolóxica e promoción da innovación.
A PRIMEIRA GUÍA DE PARQUES EMPRESARIAIS DE GALICIA.
No entanto, Blanco erixiu a 'Guía de parques empresariais de Galicia' como o servizo "máis novidoso" que ofrece o portal web da consellería, xa que remarcou que é a primeira vez que se elabora un rexistro destas características, para o que a consellería contou coa colaboración da Universidade de Santiago.
O conselleiro puxo en valor a creación desta guía xa que permitirá contar cunha "radiografía o máis exacta posible" dos polígonos empresariais de Galicia que facilitará ás pemes información sobre localizacións, accesos, infraestruturas coa que conta o parque, empresas situadas e o espazo libre do que dispoñen para novas actividades.