R informará sobre virus na rede ao Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación

Actualizado: lunes, 23 abril 2007 20:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

R, o operador galego de comunicacións por fibra óptica colabora co Centro de Alerta Temperá sobre Virus e Seguridade Informática (CATA), grazas aos acordos asinados co Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), sociedade adscrita ao Ministerio de Industria.

Segundo informou hoxe o operador galego, este comprométese a achegar información relativa a virus distribuídos por correo electrónico para poder ampliar os datos que diariamente se ofrecen dende o CATA.

Coa información subministrada, INTECO ofrece ao internauta datos e estatísticas detalladas sobre as alertas vixentes, un histórico de alertas e a posibilidade de subscribirse a un servizo gratuíto polo que recibe puntualmente a través do seu correo electrónico os avisos e informes sobre novos virus.

Tamén se confeccionan indicadores de evolución como o Índice de Perigosidade do Correo Electrónico (IPCE) que permite coñecer como evoluciona o perigo potencial de infección mediante o correo.

R incorpórase agora a esta rede que xestiona a diario máis de 25 millóns de correos electrónicos e, co operador galego, son xa 90 as entidades, entre públicas e privadas, que forman a Rede de Sensores do Centro.