SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Mar. (EUROPA PRESS) -
Un equipo de investigadores do Instituto de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) participan na creación da Biblioteca Dixital Europea de Matemáticas, unha iniciativa que busca o desenvolvemento dun software que permitirá o acceso "rápido" e "gratuíto" á literatura matemática producida en todo o mundo.
O proxecto, que conta cun presuposto de 3,2 millóns de euros, está financiado por nove países integrantes da Unión Europea (UE) e por fondos europeos. Ademais, colaboran no plan diversas universidades, empresas dedicadas ao desenvolvemento de software, centros de documentación bibliográfica e editoriais.
Ao respecto, o coordinador deste grupo galego de investigación, o profesor Enrique Macías Virgós, explicou que cada ano no mundo se publican uns 80.000 artigos novos e que dende finais do século XIX existen máis de 3 millóns de artigos publicados. Así, indicou que a finalidade do proxecto é "crear un sistema que permita localizar toda esta literatura do modo máis rápido e sinxelo posible".
Así mesmo, afirmou que "ata agora" o acceso a esta información se facía nas propias bibliotecas das institucións, a través de subscricións en papel, que son "moi custosas". Así, o obxectivo é que o proceso sexa "inmediato", con independencia de onde se atopen os orixinais.
ACCESO PÚBLICO A TRAVÉS DA REDE
Ademais, o profesor Macías sinalou que a idea é "dixitalizar todo o material que existe" e poder acceder a este a través de Internet. Tamén comentou que durante os "últimos anos" cada país avanzou no proceso de dixitalización das súas publicacións, de modo que non se concretou unha "coordinación de criterios".
Dese xeito, a Unión Europea pretende "coordinar estas iniciativas particulares nun portal único". Outro dos problemas que apuntan os investigadores é o "multilinguismo" europeo, non obstante na actualidade as buscas realízanse en inglés. "O ideal é que a busca sexa eficiente con independencia da lingua en que se faga", comentou Macías sobre o tema.
Por outro lado, a Unión Matemática Internacional recomendará a liberación dos artigos no sistema tras cinco anos de publicación --na actualidade as editoriais teñen os dereitos de autor dos traballos que se publican durante 40, 50 e mesmo ata 75 ano--.
Outra recomendación da UE é que se permita o acceso público nun período de seis meses a todos os artigos que se financien con fondos da Administración. A idea é que o proxecto ofreza un modelo "gratuíto" e "público" e que sexa "sostible" no tempo.