Investigadores europeos e africanos avanzan mañá na USC un método de desinfección solar da auga de bebida

Actualizado: miércoles, 22 abril 2009 19:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Abr. (EUROPA PRESS) -

Investigadores de sete países europeos e africanos reuniranse mañá na Universidade de Santiago (USC) para poñer en común os resultados dun proxecto financiado pola Unión Europea que investiga a eficacia do método de desinfección solar da auga de bebida na inactivación dun amplo rango de patóxenos causantes de enfermidades diarreicas.

A reunión terá lugar a partir das 10.00 horas no Instituto de Acuicultura, no campus sur, da universidade compostelana para analizar os progresos e resultados obtidos e establecer as estratexias a seguir nos próximos seis meses.

O equipo de investigación foi creado a raíz do proxecto 'Soar desinfection of drinking water for use in developing countries or in emergency situations' (Sodiswater). Entre os seus investigadores principais atopa Elvira Ares Mazás, da USC.

O grupo de investigación da USC que dirixe a profesora Elvira Ares Mazás achega nesta reunión a súa experiencia no estudio do protozoo parasito humano e animal 'cryptosporidium'. Este patóxeno, transmitido fundamentalmente a través da auga, mostra, segundo explicaron, unha considerable resistencia ás condicións ambientais e aos desinfectantes habitualmente empregados na potabilización da auga e, polo tanto, está sendo utilizado como modelo para avaliar a eficacia dos procedementos de desinfección solar.