SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Abr. (EUROPA PRESS) -
O Premio Nobel de Física en 2007, Albert Fert, augurou hoxe avances en biomedicina relacionados coa análise de biomoléculas, mediante a aplicación da magnetorresistencia xigante, que permitirá conseguir información sobre a composición e cantidade desas biomoléculas "con moita sensibilidade", de tal maneira que, "poderíase detectar o cancro en estados primixenios do desenvolvemento da enfermidade".
Nunha rolda de prensa celebrada na capital de Galicia con motivo da visita do científico francés para participar no Programa ConCiencia, --organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Consorcio--, Albert Fert subliñou que no campo da biomedecina, o descubrimento da magnetorresistencia xigante, polo cal gañou o Nobel, permitirá activar "sensores para detectar dentro do sangue varios tipos de marcadores, por exemplo tumorais"; así como para localizar concentracións de virus ou as mutacións de AND.
Albert Fert liderou ao longo da súa carreira o desenvolvemento da espintrónica, que se ocupa do uso do número cuántico espín para dispositivos electrónicos, en detrimento do tradicional uso da carga electrónica nos dispositivos baseados en semicondutores. Estes avances supuxeron unha revolución no mundo da nanotecnoloxía, xa que permitiu por exemplo, dotar aos discos duros dos ordenadores de máis capacidade nun menor tamaño.
A preguntas dos xornalistas, Fert referiuse ao avance realizado o ano pasado por un equipo da Universidade de Stamford que descubriu un composto baseado en vismuto e telurio, o cal se prevé, poida ter grandes aplicacións. Así, destacou "o desafío" para evolucionar de xeito alternativo á electrónica do silicio mediante vías como a espintrónica, en concreto remarcou o "efecto Hall cuántico de espín" que non produce disipación de enerxía, e que terá aplicación "a longo prazo".
Deste xeito, explicou que a electrónica tradicional que se emprega "tódolos días" se basea na Lei de Moore, consistente en utilizar o silicio e reducir o talle dos transistores para así aumentar a súa velocidade, algo que "ten un límite físico que vai acontecer" en dez anos".
Neste sentido, explicou que "nun termo máis curto", a substitución do silicio pasa pola "electrónica molecular", segundo dixo, "como un candidato forte" para levala a cabo. Xunto a el, tamén atopaba o director do programa ConCiencia, Jorge Mira, e o investigador José María de Teresa Nogueras, que foi antigo discípulo de Fert e hoxe realizou a tarefa de intérprete na rolda de prensa.
AVANCES
Á pregunta dos xornalistas sobre a posible creación de ordenadores cuánticos, Fert fixo fincapé en que "non cree que poidan aparecer antes de dez anos", senón que os vai como "un futurible a longo prazo". Segundo manifestou, "antes haberá microprocesadores que combinen a electrónica de semicondutores actual coa espintrónica", os cales consumirán "moita menos enerxía".
Estes ordenadores cuánticos almacenarían información en cubits, unhas caixas cuánticas onde existe un estado intermedio entre o 0 e o 1 binario, que permitirán "unha maior capacidade de almacenamento".
Neste sentido, chamou a atención sobre a "informática neuromórfica" como unha grande oportunidade de futuro, para "poder imitar a plasticidade na forma na que traballan as neuronas". Por exemplo, isto tería unha "importante" aplicación no recoñecemento de formas a través da informática.
Noutra orde de cousas, sobre os últimos avances no mundo do cinema, Fert apuntou que a capacidade de almacenamento "aumentou nos últimos tempos de modo que permitiu as películas en tres dimensións"; aínda que matizou que "non cre" que ese sexa o futuro da cinematografía. "Eu prefiro os filmes nos que prima a expresión artística sobre a técnica", resaltou Fert, e puxo como exemplo a obra de Almódovar ou Visconti.
INVESTIGACIÓN
En canto ao mundo da investigación, Fert resaltou que na actualidade, os principais avances en espintrónica se realizan en Estados Unidos, Xapón e Europa, xunto a países emerxentes como Corea, India e China. Así apostou por que dende terras europeas "se lideren os avances no desenvolvemento da ciencia básica" para competir no desenvolvemento da tecnoloxía.
Nesta liña, remarcou que o prazo entre a investigación e a aplicación comercial "ten que ser dun número de anos", polo que non cre que eses períodos se acurten, xa que segundo dixo, "ás veces hai que esperar a dous descubrimentos para poder chegar ao dispositivo final".
No campo da nanotecnoloxía, remarcou que esta disciplina "é unha nova ferramenta que permite ver a materia cun detalle que é imposible", algo que segundo remarcou, "permite estruturar e tallar" esa materia para realizar dispositivos que "ata agora só estaban na imaxinación dos investigadores".
PROGRAMA CONCIENCIA
Así mesmo, Albert Fert referiuse ao Programa ConCiencia como unha oportunidade "importante" para transmitir o coñecemento científico á sociedade e "evitar os malos entendidos". En concreto, definiu este proxecto como "moi interesante para unha pequena cidade como Santiago".
Ademais, este profesor da Universidade Paris-Sud ofrecerá hoxe unha conferencia ás 20.00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, mentres que mañá, no Centro de Estudos avanzados, reunirase cos principais líderes españois no cumio 'Spaintronics'.