SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Feb. (EUROPA PRESS) -
Representantes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia reclamaron hoxe "un corpo específico par a Administración" que estea especializada en tecnoloxías da información e comunicación (TIC) no que só terían cabida "os titulados" para "acreditar o seu coñecemento".
Así o explicou a Europa Press o presidente do colexio, Fernando Suárez, tras reunirse con representantes do BNG, aos que lles trasladaron as súas demandas en relación á situación de desregulación que padece este colectivo.
Fernando Suárez destacou que as TIC son "cada vez máis importantes" na sociedade actual e apuntou que "esta penetración" ten que facilitarse en condicións "de seguridade e universalidade", aspectos que "poden garantir os enxeñeiros titulados".
Pola súa parte, a deputada nacionalista e candidata por A Coruña Ana Pontón asumiu esta reivindicación dos enxeñeiros informáticos e comprometeuse a "tratar" a cuestión dun corpo específico para a Administración, pois considera que é un asunto "no que hai que avanzar".
Así, afirmou que o Bloque propiciará "un debate" cos colexios profesionais e cos sindicatos para, entre todos, para alcanzar "un grande acordo". Ana Pontón tamén indicou que a formación nacionalista buscará que na próxima lexislatura "as competencias en TIC se aglutinen nun único departamento", pois apuntou que na actualidade se reparten entre tres, "o que lles está a restar eficacia".
Os titulados informáticos están a aproveitar a campaña electoral para trasladar as súas peticións ás principais formacións políticas, pois antes de reunirse co BNG xa o fixeron co PP e están á espera de poder entrevistarse con representantes do PSOE.