Os pasos de peóns de Cambados terán dende hoxe un sistema de alerta de que detecta a presenza de peóns

Actualizado: martes, 31 marzo 2009 21:54

CAMBADOS (PONTEVEDRA), 31 Mar. (EUROPA PRESS) -

Os pasos de peóns de Cambados (Pontevedra) contarán dende esta noite co primeiro dispositivo experimental de sinalización luminosa para instálase en Galicia, que detecta a presenza dun peón xunto ao paso e advirte diso mediante sinais luminosos aos vehículos que circulan nese momento pola estrada.

A Deputación de Pontevedra ten previsto trasladar esta iniciativa experimental, inicialmente en período de proba, a outras cinco localizacións da provincia, sempre en puntos conflitivos de estradas de titularidade provincial, con prioridade para lugares próximos a colexios ou zonas de malas condicións de visibilidade.

Precisamente, o dispositivo que se porá esta noite en marcha en Cambados está situado na avenida Rosalía de Castro, xusto fronte ao instituto Ramón Cabanillas da localidade.

O presidente da Deputación pontevedresa Rafael Louzán explicou que "o primeiro obxectivo desta iniciativa é poñer freo á escalada de atropelos producidos o ano pasado na zona, xa que os pasos de peóns sen semáforos son auténticos puntos negros en canto a seguridade vial".

Neste sentido, engadiu que probarán este sistema noutros puntos da provincia para "protexer os peóns en zonas de pouca ou nula visibilidade" e recordou que a Deputación de Pontevedra é pioneira en España na instalación de dispositivos de seguridade vial, como demostrou, primeiro, coa instalación de quitamedos biondas e, agora, con este novidoso sistema de alerta para os pasos de peóns.

DOCE FALECIDOS EN 2008

As estatísticas de tráfico do ano 2008 reflicten que, só na provincia de Pontevedra, se rexistraron 33 mortes en accidentes de circulación, dos que 12 foron decesos en accidentes de peóns. En total, o 42% dos 164 accidentes de tráfico que tiveron lugar na provincia, aconteceron en pasos de peóns.

En canto ao dispositivo de protección, trátase dun sistema autónomo enerxeticamente, servido de enerxía solar, doadamente transportable, dotado de sensores de detección tanto para vehículos coma para persoas.

A sinalización horizontal do dispositivo realiza un efecto de luz estroboscópica que fai que os condutores, en condicións de visibilidade reducida, sexan conscientes da existencia de peóns atravesando os pasos de peóns, de forma que lles permita adecuar a velocidade e anticipar as súas accións.