Portos de Galicia presenta un sistema multimedia de información sobre doce portos deportivos

A iniciativa ofrecerá fotografías, datos de calado e eslora e as rutas de acceso por mar e terra, entre outras informacións.

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 18 julio 2008 17:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jul. (EUROPA PRESS) -

O ente público Portos de Galicia, dependente da Consellería de Política Territorial, puxo en marcha un sistema multimedia de información sobre doce portos deportivos da Comunidade a través do teléfono móbil.

Na presentación hoxe desta iniciativa, o presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, explicou que o obxectivo do sistema é "responder ás queixas dos navegantes" por non ter os "datos suficientes" sobre os portos; e ofrecer, así, "toda a información dispoñible" para que os usuarios poidan consultala en "calquera momento".

O proxecto 'Smit Portos de Galicia' está configurado como unha aplicación tecnolóxica "de última xeración" e ofrece información, en castelán e en inglés, sobre os portos deportivos de Ribadeo, A Pobra do Caramiñal, Camariñas, Portosín, Ribeira, Sada, Cangas, Pontevedra, Portonovo, Sanxenxo e os dous de Baiona.

ACCESO A INFORMACIÓN

Desta forma, o usuario deste programa poderá acceder dende o seu terminal móbil ás bases de datos dos portos que contan con fotografías, datos de calado e eslora, as rutas de acceso por mar e por terra, os servizos que ofrece, e as ofertas turísticas dos arredores, entre outras informacións.

Así, o sistema conta con dous formatos; en primeiro lugar, unha versión online, coa que se accede ás bases de datos a través de Internet, para a que é necesario que o teléfono teña cobertura e á que se pode chegar a través da páxina web www.cptopt.xunta.es/wap/portos.

Por outra banda, a versión Offline permite a descarga do programa a través da páxina web www.portosdegalicia.com para introducilo na memoria do terminal móbil. Segundo declarou Xacinto Parga, "non hai diferenzas operativas" entre ambos os dous métodos , pero coa versión offline, o usuario "non pode acceder a vídeos nin mapas dixitais".

"PROXECTO INNOVADOR"

Segundo Política Territorial, este sistema constitúe "a primeira experiencia" en Europa para "a aplicación das novas tecnoloxías da información en mobilidade ao sector da náutica deportiva". Así, os portos deportivos de Galicia serán os primeiros en acoller un "proxecto tan innovador", segundo o define o departamento dirixido por Mª José Caride.

Nesta liña, segundo asegurou o presidente de Portos de Galicia, o Goberno autonómico pretende desenvolver unha segunda fase da iniciativa unha vez "analizados os resultados desta" e despois de decidir "cántos portos máis se inclúen" no sistema e coñecer os "avances" das tecnoloxías do mercado neste ámbito.

Contenido patrocinado