A presidenta de Microsoft Ibérica exporá ante o empresariado galego as vantaxes das tecnoloxías

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 17 abril 2007 18:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

A presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa María García, manterá mañá, en Santiago, un xantar-coloquio con empresarios galegos para reforzar o seu achegamento ás últimas tecnoloxías. Previamente impartirá a conferencia 'Tecnoloxía: peza clave para a competitividade da economía galega'.

O encontro está organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) Zona Noroeste e Coremain e está previsto que participen o presidente deste organismo, Honorato López Isla, e o director xeral de Coremain, Manuel Balseiro.

Rosa María García asumiu a máxima responsabilidade de Microsoft Ibérica en maio de 2002. Previamente xa ocupara importantes postos na empresa, como directora xeral Corporativa de Vendas e Mercadotecnia de Partnes ou directora de Proxectos Estratéxicos Corporativos, ambos os dous desempeñados na matriz da empresa en Redmon (Estados Unidos).

OBXECTIVOS PARA ESPAÑA

Como obxectivos para España, a presidenta de Microsoft considera necesaria a colaboración con todos os axentes políticos, económicos e sociais para garantir o acceso ás tecnoloxías da información de todas as persoas.

Tamén introduce entre as súas principais preocupacións aumentar a competitividade da empresa a través do uso das tecnoloxías da información, así como fomentar a innovación e a inversión en I+D dos sectores público e privado.

Licenciada en Ciencias Matemáticas, Rosa María García é conselleira da Asociación para o Progreso da Dirección e membro do Forum de Alta Dirección. Recibiu o Premio á Muller Directiva que outorga a Federación Española de Mulleres Directivas e Empresarias (FEDEPE); o de Directivo do Ano que concede a Asociación Española de Directivos (AED) e o de Muller Directiva, da Asociación Española de Mulleres Empresarias (ASEme).

Contenido patrocinado