SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Feb. (EUROPA PRESS) -
A produción de hidrógenos a partir de residuos urbanos, o pagamento da ORA co teléfono móbil, xoguetes para nenos con problemas, micro-óptica e sensores e apiterapia sen picadura para abellas son as ideas innovadoras premiadas este ano pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A institución académica compostelana, en colaboración coas consellerías de Innovación e de Traballo, recoñeceu así cinco ideas innovadoras con potencial empresarial a curto e medio prazo e tivo en conta a viabilidade e o carácter innovador de esta, o seu grao de madureza e que tivese en conta as políticas de igualdade.
A presente edición, a oitava, rexistrou 260 ideas presentadas, as mesmas que a anterior, na súa maioría vinculadas á área de Ciencias Xurídicas e Sociais, e máis particularmente á Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Ademais, o 55 por cento das propostas foron impulsados por mulleres.
Marta Acuña Vidal, de Enxeñaría Química da USC, é a autora da idea que propón a produción de hidróxeno a partir de residuos urbanos como combustible alternativo para vehículos. O resultado do proceso formulado sería a obtención de hidróxeno ao 99,9 por cento de pureza, incluíndo ademais a posibilidade de comercializar electricidade.
Outra das premiadas refírese ao pagamento do estacionamento suxeito á ORA por medio do teléfono móbil, idea de Miguel Varela Pérez, da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, que se aproveitaría da posibilidade de conectarse á máquina de control da ORA por medio da tecnoloxía Bluetooth ou por mensaxería SMS.
A formulación levaría asociados unha serie de produtos como son o hardware e o software precisos para acceder ao servizo, así como para que os vixilantes da ORA poidan saber se o vehículo pagou ou non con este servizo sen necesidade de dispoñer dun resgardo.
A fabricación de xoguetes para nenos con problemas, por proposta de Jeni Rodríguez Rico, da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, ao considerar que a maioría non están adaptados para poder ser adquiridos por un neno con dificultades auditivas, visuais ou de fala.
LINGUAXE BRAILLE EN XOGUETES.
Os produtos que comercializaría esta suposta empresa serían xoguetes para nenos maiores de cinco anos que levarían, en lugar de debuxos nos botóns, palabras que os identificasen en linguaxe Braille ou unha pantalla na que aparecerá o que di en caso de que estivese dotado de son.
Da Facultade de Química da USC é Manuel Gómez García, autor da idea microóptica e sensores, que pretende levar ao mercado o deseño, adaptación ou construción de dispositivos sensores ópticos e tamén a fabricación de microcompoñentes ópticos baseados en fotorresinas de última xeración.
Esta empresa dedicaríase a compoñentes ópticos totalmente personalizados en función das necesidades do cliente e cun tempo do prototipo de poucas horas. Tamén ofrecería matrices de microcavidades para aloxar reactivos e mostras para biotest, igualmente personalizados, e microlentes e microelemento para montaxes compactas.
Finalmente, Eva Estévez Forneiro, da Facultade de Medicina da USC, recibiu o premio pola idea Apiterapia sen a picadura das abellas, que busca aproveitar o veleno das abellas, a apitoxina, pola súa capacidade antiinflamatoria, 100 veces superior á da cortisona, e analxésica.
Segundo explica na súa proposta, a apitoxina non é unha substancia simple, senón unha mestura relativamente complexa. O máis activo dos seus compoñentes é un líquido fortemente alcalino formado por unha mestura de proteínas, principalmente o polipéptido citotóxico melitina.
Así, esta empresa estaría en condicións de producir Apitoxina en crema, especialmente recomendada para a artrite reumatoide, a artrose e a esclerose múltiple e con excelentes resultados noutras doenzas como a gota, fibromialgias, febre reumática, lesións deportivas, lumbalgias, alerxias, asma, sinusite ou fatiga crónica, entre moitas outras.