A Real Academia Galega das Ciencias premian ao CSIC, á USC e ás empresas Terras Gauda e Tragsa

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 16 noviembre 2009 19:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) resolveu outorgar os seus premios de investigación de 2009 a científicos de tres centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e das empresas Terras Gauda e Tragsa.

Os galardoados, que comparecerán mañá en rolda de prensa para explicar os resultados das investigacións que mereceron o recoñecemento da RAGC, recibirán os premios nunha cerimonia prevista para o próximo 3 de decembro no edificio da institución, en Santiago.

O primeiro deles está dotado con 6.000 euros e recaeu sobre un estudio para a mellora da calidade do viño Albariño, no que participaron investigadores do CSIC --da Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra e do Instituto de Fermentacións Industriais, en Madrid -; coa colaboración de Adegas Terras Gauda, empresa vitivinícola da denominación de orixe Rías Baixas, en O Roseira (Pontevedra).

Así mesmo, unha mención honorífica recoñecerá a calidade científica do traballo 'Avances no coñecemento do patóxeno emerxente do rodaballo', que presentaron dúas investigadoras do grupo de patoloxía na acuicultura da USC.

Un último galardón premiará con 2.000 euros a investigación 'Desenvolvemento de bancos de germoplasma de castiñeiro e sobreira mediante crioconservación de ápices caulinares e embrións somáticos', a cargo do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia do CSIC e do departamento de mellora agroforestal da compañía Tragsa, en Maceda (Ourense).

Contenido patrocinado