Un satélite desenvolvido en Galicia formará parte do voo inaugural da lanzadeira espacial Vega

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 5 junio 2008 17:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA 5 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Axencia Espacial Europea aprobou o proxecto da empresa pública Retegal S.A. e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento dun picosatélite de tipo CubeSat, que permitirá a participación galega, única do Estado, na carga útil do voo inaugural da lanzadeira espacial Vega.

O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, explicou que o consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da aprobación e avanzou que a previsión é que o próximo inverno se poña en órbita o satélite, que ten como obxectivo a investigación no campo das comunicacións dixitais, a mellora dos sistemas fotovoltaicos satelitais e o desenvolvemento de metodoloxías para a xestión de satélites de comunicación.

O presidente da Xunta explicou que o picosatélite, que foi bautizado como 'Dieste', ten un quilo de peso e un reducido tamaño, dun decímetro cúbico. A iniciativa, que está liderada pola Univesidade de Vigo, non persegue explotar comercialmente un satélite de comunicacións, senón que ten un carácter científico e educacional.

O proxecto, no consorcio do cal tamén participan Retegal, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, o Ministerio de Ciencia e Innovación e a Axencia Espacial Europea, foi seleccionado xunto a outras sete iniciativas, ningunha delas española, de entre os máis de 25 proxectos presentados.

VIGO PUNTEIRA.

A Xunta explicou que a iniciativa galega persegue a promoción do desenvolvemento de empresas tecnolóxicas no mundo das telecomunicacións en Galicia, entre as que se atopa o operador público Retegal. Ademais, o proxecto sitúa á Universidade de Vigo nunha das oito universidades europeas líderes a nivel europeo no desenvolvemento de picosatélites.

Nesa liña, Touriño considerou que coa participación do picosatélite galego no voo inaugural da lanzadeira Vega, a Universidade de Vigo se coloca nunha "posición punteira" dentro deste "sector estratéxico".

Por outra banda, o consello da Xunta de hoxe tamén autorizou hoxe un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento e promoción da cátedra da infancia, para o cal a Secretaría Xeral de Benestar e a Secretaría Xeral de Igualdade destinarán 100.000 euros entre este ano e o seguinte.

Contenido patrocinado