Televés lanza un equipo profesional para instaladores que descodifica o sinal da "verdadeira alta definición"

Actualizado: domingo, 20 diciembre 2009 17:37

O novo medidor 100% galego é máis lixeiro para os técnicos, doadamente "actualizable" e triplica o tempo de autonomía

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Dic. (EUROPA PRESS) -

A empresa Televés desenvolveu o primeiro medidor de campo portátil de alta definición 'Full HD'', que consiste nun equipo profesional que empregan os instaladores para recibir todo o espectro de sinais que envían os repetidores --serve tanto para satélite, coma para cable ou TDT-- e conta coa novidade de poder descodificar o sinal MPEG-4 en formato 1080p, a verdadeira "alta definición".

Deste xeito, o representante de Televés, Jorge Lourido, explicou a Europa Press que este equipo medidor de sinal de televisión H45 "axuda" a que os especialistas poidan traballar os sinais de alta definición con "total garantía e comodidade". Grazas a iso, "asegúrase" que, despois, o usuario recibe na súa casa o sinal axeitado para que o seu receptor ou televisión de alta definición poida demodulala.

Así, Lourido sinalou que este aparato "adiántase ao resto de medidores" en poder descodificar este tipo de sinal. Así, explicou que este é o formato que se utilizará "no futuro" para retransmisións de gran cobertura como poidan ser os Xogos Olímpicos ou o Mundial de Fútbol, "e máis adiante utilizarase para todo", remarcou Lourido.

Ademais, o aparato é "actualizable por completo", isto quere dicir que o técnico non chega nunca a desprenderse del, xa que pode actualizalo por pouco diñeiro se cambia o formato de retransmisión das cadeas e permite, así, ter un medidor novo.

Así mesmo, con este avance poderase recibir o estándar asociado ao 'Full HD', 1080p, no que cada fotograma está composto por todas a liñas de resolución. Este diferénciase do estándar 1080i, un tipo de alta definición procesada, onde cada fotograma está formado por tan só a metade de liñas, xa sexa as pares ou as impares.

AVANCES

Entre as grandes novidades deste aparato, o instalador poderá subir ao tellado cun equipo moito máis lixeiro, xa que segundo subliñou Lourido "se antes pesaba sete quilos, agora pesa tan só dous".

Ademais, triplícase o tempo de autonomía do medidor, polo que se poderá empregar durante unhas cinco horas sen necesidade de recargarse, o que equivale case a unha xornada completa para a instalación.

Outra das melloras que repercute na comodidade do usuario atópase na posibilidade de que o técnico pode ver dunha "ollada" se o sinal que chega á televisión do usuario é bo e sen pixelar, co que como resaltou Lourido, o especialista "non ten que baixar á casa a molestar para comprobar a calidade da imaxe".

Nesta liña, explicou a utilidade deste instrumento por exemplo, "nun hotel con 1.000 cuartos", xa que así o profesional "non ten que ir cuarto por cuarto".

100% GALEGO

Por outra banda, Lourido chamou a atención sobre o feito de que este demodulador de servizos MPEG-4 en formato 1080 p está "totalmente feito en Galicia ao cen por cen", ao se desenvolver por un equipo de investigadores galegos. Por este motivo posúe o selo de 'made in' Europa.

Xunto a isto, a empresa chamou a atención sobre "o competitivo prezo de mercado", cun produto de alta gama que non alcanza os 5.000 euros.