Un total de 1.800 mozos participan dende hoxe e ata o domingo na décima edición de Xuventude Galiza Net

Un campionato internacional de robótica ou as últimas creacións do mundo LEGO son algunhas das novidades deste encontro informático

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 3 abril 2009 21:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Abr. (EUROPA PRESS) -

A décima edición do encontro informático Xuventude Galiza Net --promovido pola Dirección Xeral de Xuventude-- arrancou hoxe en Santiago de Compostela cunha participación prevista ata o próximo domingo de 1.800 mozos de entre 16 e 35 anos.

Este ano, por primeira vez dende que se puxo en marcha a iniciativa, o punto de encontro será o Multiusos Fontes do Sar, onde os participantes terán a súa base de actividade durante os tres días que dura o encontro.

Existen dúas maneiras de participar no Xuventude Galiza Net: por un lado, está o terreo dirixido exclusivamente aos mozos que están inscritos para acceder á intranet do evento, situada na pista central do Multiúsos. Alí estarán situadas 1.800 persoas cos seus ordenadores, conectados por máis de 40.000 metros de cable, a unha velocidade de 1 gigabit. Estes mozos poden participar ademais en diversas actividades lúdicas creativas conferencias e talleres arredor da actualidade informática.

Outro modo de participar neste evento informático é entrando ao espazo aberto, libre e totalmente gratuíto habilitado no vestíbulo do Multiúsos. Nesta extranet sitúanse os stands da Dirección Xeral de Xuventude, organizadora do evento, e das distintas empresas patrocinadoras; espazos para xogar ás videoconsolas máis novidosas; zonas de talleres; e outras actividades lúdicas para xente de todas as idades.

Todas as persoas que se acheguen ata a extranet do Xuventude Galiza Net poderán participar en diversos concursos, asistir ás conferencias programadas e, tamén á proxección da película 'Pérez 2, o ratoncito dos teus sonos', unha produción cinematográfica que será proxectada de forma gratuíta por Filmax Animation. A proxección será o sábado ás 19.00 horas en Fontes do Sar.

NOVIDADES

Nesta edición do Xuventude Galiza Net as novidades xiran arredor da robótica. Se o pasado ano se fixo unha breve incursión neste ámbito, nesta ocasión levarase a cabo, coa colaboración da organización IEEE, a primeira edición do Campionato Internacional de Robótica XGN-IEEE. Neste campionato competirán máis de 100 robots chegados principalmente de Galicia, Madrid, Valencia, Reino Unido, Italia, Francia e Portugal. Estes robots realizarán diversas probas pola que serán puntuados para proclamar os gañadores.

Así, os robots tomarán parte en probas de loitas de sumo; circuíto de velocidade; circuíto de habilidade; labirinto coñecido; e labirinto descoñecido. Ademais, participarán nunha carreira de Fórmula 1, emulando á carreira que terá lugar no circuíto de Malaisia o domingo 5 de abril ás 8 horas.

Outra das novidades máis destacables é a visita do Embaixador de LEGO en España, que visitará o Xuventude Galiza Net para presentar as últimas novidades internacionais da marca, aínda non dispoñibles no mercado español. Ademais, a lingua, a cultura e o patrimonio galego terán tamén un espazo destacado dentro dos contidos deste importante evento informático.

Contenido patrocinado