SANTIAGO DE COMPOSTELA 14 Abr. (EUROPA PRESS) -
Tres científicos de recoñecido "prestixio" completan o xurado do premio Galicia de Investigación 2007, que cumpre este ano o seu décimo aniversario e se centra no ámbito da investigación científico-técnica.
O xurado, que se reúne hoxe, está formado polo director xeral de I+D+i, Salustino Mato, e por representantes das tres universidades galegas entre os que atopan o catedrático de Química Orgánica da Universidade da Coruña, José María Quintela; a vicerrectora de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María José Alonso; e o director da Área de Política de I+D da Universidade de Vigo, Anxo Rodríguez de Lera.
Ademais, completarase coa participación de tres científicos entre os que destacan o catedrático de Física de Materia condensada da Universidade do País Vasco, Pedro Echenique; o doutor en Ciencias Biolóxicas e Premio Príncipe de Asturias de Investigación polos seus estudios sobre Xenética, Ginés Morata; e o catedrático de Matemática aplicada da Universidade de Valladolid, José María Sanz.
Os premios, que están convocados pola Consellería de Innovación e Industria, teñen como obxectivo recompensar e favorecer o recoñecemento social do traballo de investigadores de "prestixio" realizado dende Galicia, por galegos e a favor da comunidade galega, así como estimular o traballo dos investigadores máis novos.
Segundo informou o departamento que dirixe Fernando Blanco, en cada edición outórgase o premio dentro dunha área determinada de investigación, así este ano o protagonismo será para o ámbito científico-técnico e o nome do premio recordará ao reitor da USC dende 1870, Antonio Casares e Rodrigo.