Unha empresa galega deseña unha plataforma capaz de intercomunicar todos os dispositivos multimedia do fogar

Sairá ao mercado a finais de verán cun prezo "moi competitivo" e non disporá cotas mensuais

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 22 febrero 2008 19:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

Unha empresa galega de enxeñaría de sistemas e servizos de telecomunicación, Arantia, presentou hoxe en Santiago a plataforma 'Arantia world', capaz de intercomunicar todos os dispositivos multimedia do fogar grazas á integración da televisión dixital, internet e os novos servizos interactivos.

Así o anunciou hoxe a directora de I+D de Arantia, Lorena Domínguez, quen avanzou que a plataforma, que se acha en proceso de obtención da patente europea, sairá ao mercado a finais do verán.

Ademais, incidiu en que a fabricación desta plataforma será afrontada con tecnoloxía e deseño galegos, e destacou que o seu prezo será "competitivo" --menos de 300 euros-- e non disporá cotas mensuais, aínda que o acceso a algúns contidos será logo de pagamento".

Por outra banda, indicou que esta aplicación tamén se utiliza en hoteis e hospitais, así como no sector empresarial. Nesta liña, destacou a experiencia de Francia, onde Arantia prové o servizo de electricidade.

Lorena Domínguez subliñou que o obxectivo deste proxecto é "liderar" a revolución dixital e "impulsar" un modelo de ocio e entretemento. Así, está concibido para constituír unha aplicación "suficientemente sinxela e doada de usar" para que teña "éxito" nos fogares e só necesita, para a súa instalación, unha televisión e unha conexión a internet.

CARACTERÍSTICAS DO PROXECTO.

A presidenta de I+D explicou cada un dos conceptos diferenciadores de 'Arantia world'. Por un lado, atópase a plataforma de servizos dixitais, que converte o equipo nun centro de comunicación con outros usuarios e serve para compartir información, entre outras utilidades. Igualmente, dispón dunha zona privada con capacidade de almacenamento, dispoñibilidade de suba de contidos e na que se mostra unha lista de membros conectados.

Tamén permite alugar películas, ver tráileres, deixar comentarios ou ler os escritos por outros usuarios, visitar o 'top 10' e as páxinas web oficiais e coñecer as estatísticas de visionado. Ademais, ofrece a posibilidade de encher enquisas para recibir recomendacións en de visita na programación.

Así mesmo, pódese acceder a 'chats' e a foros, así como deixar mensaxes a outros usuarios de Arantia. Tamén conta con información de noticias, descargas, actualizacións e suxestións, ademais doutras aplicacións.

Por outra banda, o centro dixital de servizos permite crear un mosaico de canles, gravar e visualizar diferentes canles simultaneamente, rebobinar ou avanzar no visionado de películas ou series, escoitar radios dixitais, acceder a motores de busca e aos contidos de calquera ordenador do domicilio -arquivos de Excel, Word, PDF, fotografías- así como descargar datos dun 'pen disk' ou unha tarxeta de memoria.

Ademais, é posible xogar en liña con outros usuarios, ler o correo electrónico, establecer alarmas e controlar os sistemas de seguridade, como a videovigilancia, a través da televisión. Polo tanto, a principal característica definitoria deste equipo -un só aparato- é a de ser o "eixe central de unión" das distintas redes que existen no fogar, segundo destacou Lorena Domínguez.

Contenido patrocinado