SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Ago. (EUROPA PRESS) -
Galicia será pioneira en España ao dispoñer dunha ferramenta "de primeiro nivel" que garante resposta a emerxencias de persoas con minusvalideces auditivas e de fala que ata agora non podía solicitar axuda sen a intervención de terceiros.
Segundo informou a Xunta nun comunicado, este sistema, tras a súa fase de experimentación na Comunidade galega, empregarase en todos os centros de emerxencia de Europa para dar cobertura ao colectivo con este tipo de minusvalideces.
O Centro de Atención de Emerxencias 112 de Galicia (CAE 112) participa dende o pasado 1 de xullo no proxecto europeo 'Reach' --'Responding to All Citizens needing Help' (resposta a todos os cidadáns que necesitan ayuda)--, que ten unha duración de tres anos e conta cun presuposto de máis de 225.000 euros, financiados ao 50 por cento pola Unión Europea.
Esta ferramenta, ao permitir o acceso directo destas persoas ao 112, supón un "avance decidido na integración plena" de persoas minusválidas, xa que se trata de prestar uns "servizos necesarios e de calidade acordes" á sociedade actual.
O Reach 112 facilitará solucións para comunicarse "en calquera situación --comunicación escrita, linguaxe de signos, voz ou a combinación dos anteriores--. Así, proporcionarase dispositivos adaptados en fogares, lugares de traballo e desprazamentos que conectarán ao usuario co servizo de emerxencia "a través de video, son e texto".
"OROGRAFÍA E DISPERSIÓN POBOACIONAL"
O CAE 112 foi escollido xunto a outros tres centros de emerxencias entre todos os existentes en Europa, tal e como sinalou o Goberno galego, debido á súa "evolución, desenvolvemento e experiencia" na xestión de emerxencias polas súas "condicións orográficas e de dispersión poboacional".
Isto sitúa a Galicia como un "interesante campo de probas" para este "novidoso" sistema --na investigación da cal participan 22 socios de nove países europeos distintos--, do que espera extraer "importantes consecuencias" para a súa implantación no resto de Europa.