Unha guía para empresarios galegos mostra as TIC como "motor de negocio" e "garantía de competitividade"

Actualizado: viernes, 26 junio 2009 19:10

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jun. (EUROPA PRESS) -

Unha guía para empresarios galegos mostra as TIC (tecnoloxías da información e da comunicación) como un "motor do negocio" e unha "garantía do incremento da produtividade e da competitividade" das compañías.

O manual, que foi elaborado por Ineo --asociación empresarial de novas tecnoloxías da información e comunicación, que engloba máis de 80 empresas do sector en Galicia-- presentouse hoxe na sede compostelana da Confederación de Empresarios de Galicia como "unha ferramenta básica e útil".

Así, a organización destacou que constitúe "unha axuda" para que os empresarios galegos diagnostiquen as súas necesidades en materia de novas tecnoloxías, así como as oportunidades e vantaxes que suporía o seu uso no ámbito das súas compañías.

Nesta liña, apuntou a que os destinatarios son "tódolos sectores económicos", e asegurou que é válida "en calquera nivel da estrutura" das empresas. O obxectivo é "mellorar a produtividade e a competitividade", incidiu.

PROMOCIÓN

Así mesmo, a guía complétase cun directorio das empresas de Ineo, na que se especifican os produtos e servizos que ofrece cada unha delas. Tamén se detallan as principais axudas e subvencións ás que poden optar as entidades co fin de lograr unha mellora tecnolóxica.

Segundo sinalou Ineo, o libro constitúe, ademais, un instrumento "para a promoción" das súas empresas no conxunto do mercado galego e "dá un paso máis" a favor da implantación das TIC por parte do resto de sectores produtivos galegos.

Neste sentido, os responsables sinalaron aos asistentes as "posibilidades de mellora" que lles ofrecen as TIC e que "poden representar a saída dunha situación difícil" e "a supervivencia dentro dun mercado cada día máis esixente".