Unha unidade móbil percorrerá polígonos de 30 localidades galegas para difundir as vantaxes de usar as TIC

A Xunta cofinancia este proxecto de promoción das novas tecnoloxías para facer a micropymes e autónomos "máis competitivos"

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 6 noviembre 2009 18:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Modernización de la Xunta presentou hoxe o proxecto 'DifundeTic', no que colabora coa Asociación Galega de Empresas de Tecnologías da Información e Comunicación (Agestic) e polo que unha unidade móbil percorrerá polígonos industriais dunhas 30 localidades galegas "dando a coñecer as vantaxes de usar as TIC e internet".

Así o destacou a responsable deste departamento autonómico, Mar Pereira, durante a presentación da iniciativa, que pretende fomentar o uso das novas tecnoloxías por parte de micropemes e autónomos da comunidade, co obxectivo de "modernizar a economía" e que estes empresarios sexan "máis competitivos". En total, Agestic prevé chegar a uns "1.200 ou 1.500" responsables de compañías e técnicos, apuntou o seu presidente, José María López.

"Non é un proxecto máis de dinamización e difusión das TIC", subliñou López, e apuntou que o obxectivo é explicar unhas vantaxes que viu "indubidables" como consecuencia da utilización da administración, a banca e a factura electrónicas, e a realización de "todo tipo" de xestións coa administración a través de internet.

Sobre o uso das tecnoloxías TIC --da información e a comunicación--, o presidente de Agestic considerou que existe "descoñecemento" entre autónomos e micropemes, polo que sinalou que "hai que vencer" as súas "reticencias" para "modernizar" a xestión deste "nicho" empresarial.

Así mesmo, resaltou que a explicación debe facerse "dun xeito sinxelo e didáctico", co propósito de "romper esa barreira". "É algo accesible e doado de usar, non é unha tecnoloxía cara", engadiu o directivo.

Por outra banda, mostrouse "preocupado" polo "retroceso" dos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) en relación ao número de fogares con acceso a internet en Galicia. Nos últimos tres anos, "descendeu respecto á media nacional", polo que entendeu que "alguén o fixo mal coas políticas postas en marcha" durante este período.

"MOITO TRABALLO POR DIANTE"

Pola súa parte, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, recalcou que 'DifundeTic' responde a "tódalas actuacións" do Executivo galego "orientadas a promover o coñecemento das novas tecnoloxías".

Na súa opinión, existe "moito traballo por diante" no ámbito das micropemes, xa que a súa incorporación ao mundo das tic e internet sitúase "nove puntos por debaixo" da media nacional, con "só un 46 por cento de presenza na rede".

"Hai que gañar a confianza do empresario sobre o que poden gañar invertendo en tecnoloxía, sobre o que lles pode supoñer en competitividade e en aforro de tempo e diñeiro", explicou Pereira.

Por iso, fixo fincapé en que a iniciativa "quere facer ver de xeito moi sinxelo qué trámites están xa dispoñibles en internet coa Xunta e outras administracións". "Supoñen un aforro de esforzo e axilizan procedementos", apostilou.

Contenido patrocinado