A Universidade de Vigo captou 2,7 millóns de euros coa investigación da Estación de Ciencias Mariñas

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 5 febrero 2010 21:48

VIGO 5 Feb. (EUROPA PRESS) -

Os proxectos de investigación da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) permitiron á Universidade de Vigo captar 2,7 millóns de euros a través do traballo desenvolvido de xeito conxunto con administracións e empresas relacionadas co mundo do mar.

Este centro ten en marcha na actualidade un total de 70 proxectos de investigación, que están a repercutir no sector produtivo, e ademais organiza reunións de traballo con plataformas tecnolóxicas, asociacións profesionais e institucións mariñas.

Entre os proxectos máis reseñables atopa o Centi Acuisost, que busca fomentar a acuicultura sostible e céntrase en estudar a viabilidade da utilización dos residuos derivados da elaboración de azucre e alcohol para desenvolver pensos.

Tamén destacan programas como o Epitox, enfocado en resolver os problemas inmediatos que xera o control de episodios tóxicos en bivalvos, ou o dirixido á obtención dun certificado de pesca responsable e ecolóxica da navalla galega.

OUTROS CENTROS DE INVESTIGACIÓN

Xunto ao Ecimat, a Universidade de Vigo promove a I+D+i con outras infraestruturas como o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) situado no campus de Ourense, que dispón de doce grupos que traballan no sector agroalimentario, a biotecnoloxía, a enerxía, o medio e as comunicacións.

Ademais, o Centro de Apoio Científico e Teconológico á Investigación (Cacti) presta variados servizos ás empresas como seguridade alimenticia, desenvolvemento sostible ou nanotecnoloxía. Na actualidade, está a intensificar a promoción dos parques tecnolóxicos e o fomento das visitas de investigadores e representantes de empresas.

A eles sumarase en breve o Módulo Tecnolóxico Industrial, que aglutinará investigacións de enxeñaría, e o Centro de Investigación Biosanitaria, que impulsará a biomedicina.

Contenido patrocinado