A Universidade de Vigo impulsa a posta en marcha de catro novas empresas de base tecnolóxica

Actualizado 11/11/2008 20:15:06 CET

VIGO, 11 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Vigo impulsa, a través da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), a posta en marcha de catro novas empresas de base tecnolóxica que explotan coñecementos e tecnoloxías xeradas nos traballos de investigación realizados na institución académica.

Na actualidade xa están formalmente constituídas e integradas no mercado un total de oito iniciativas deste tipo, denominadas 'spin-off', e que están baseadas en tecnoloxías emerxentes, avanzadas e innovadoras. Actualmente trabállase en dous novos proxectos en ámbito do medio, outro sobre tratamento termal con peloides -lamas terapéuticas- e outro sobre deseño mecánico no campo da automoción. Estas catro empresas iniciarán a súa actividade nos próximos meses.

Segundo destacou a directora da OTRI, Angeles López, trátase de rentabilizar a investigación tanto a nivel social como económico, creando tecido empresarial e xerando riqueza e emprego". Así, avogou por sensibilizar a comunidade universitaria sobre o aproveitamento do I+D xerado e "desterrando a aversión ao risco que está tan asentada".

Aínda así, advertiu de que dende 2005 se asumiu a titoría de 15 iniciativas "pero non todas saen adiante" dado que, segundo precisou López, "se necesita un escenario acolledor e as ideas claras".

A rede OTRI a nivel nacional xestionou en 2007 algo máis de 70 iniciativas innovadoras, especialmente nos campos tecnolóxico e industrial. De tódolos xeitos, aínda que a responsable da oficina viguesa admitiu que alcanzar unha idea de base tecnolóxica e emerxente xurdida da investigación en Ciencias Xurídicas, Sociais e Humanidades é "moi complicado", afirmou que tamén se trata de fomentar este tipo de iniciativas, "sobre todo en campos como Belas Artes".