SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jul. (EUROPA PRESS) -
Un total de 30 axentes do sector naval, tanto públicos como privados, integran polo momento a nova Plataforma Tecnolóxica Galega do Sector da Construción Naval (PGTN), que co apoio da Consellería de Innovación e Industria está a desenvolver o Clúster do Naval Galego (Aclunaga) co obxectivo de "mellorar a competitividade" mediante a investigación e do desenvolvemento (I+D) de estratexias e proxectos comúns.
A citada plataforma conta con axentes do ámbito da Administración --Portos do Estado e as consellerías de Innovación, de Pesca e de Política Territorial e Transportes--, con Aclunaga e entidades vinculadas á formación, os centros tecnolóxicos, a investigación oceanográfica, grupos de investigación das tres universidades galegas e asociacións profesionais e empresariais; así como a representantes dos distintos ámbitos da industria marítima.
O Edificio da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), en Santiago, reuniu hoxe a un grupo de representantes de distintos axentes do sector naval que asistiron á presentación da PGTN e da Axenda Estratéxica de Investigación para o naval, que expuxeron o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, e o representante de Aclunaga, Tomás Casquero.
Segundo detallou Fernando Blanco, a de Construción Naval é a segunda das plataformas tecnolóxicas que se crea en Galicia, despois da das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC's). Así mesmo, recordou que o seu departamento promove a constitución doutras sete plataformas tecnolóxicas --Madeira, Pesca, Automoción, Materiais e procesos de fabricación de Granito, Avícola e Agroalimentaria--.
SALTO NA "COMPETITIVIDADE"
No caso da PTGN, o conselleiro xustificou que a relevancia do naval en Galicia --ao que cualificou como "sector estratéxico"-- facía necesaria esta estrutura que nace para "agrupar axentes representativos do ámbito produtivo, científico e tecnolóxicos co obxectivo de dar un salto significativo nas áreas científico-tecnolóxicas" e asegurar "a competitividade" no mercado.
Recordou que a construción naval é un sector "cunha gran tradición e peso" na economía galega" --do que dependen preto de 15.000 traballadores, dixo-- e que representa arredor do 60% de toda a actividade no conxunto do Estado.
Estas características sitúan o naval galego, segundo Blanco, "nunha posición óptima para manter e incrementar ese liderado e atraer investimentos e iniciativas estatais a través da aposta por I+D+i". Tamén recoñeceu que neste momento o naval "está nun ciclo en alza" e supón un bo momento para que o sector galego garanta a súa "competitividade".
O titular de Innovación animou á PTGN e ás entidades "que forman e formarán parte dela" a que saquen "o máximo proveito" das oportunidades que se abren no ámbito galego, estatal e europeo, a través dos distintos plans e programas referidos a I+D+i.
SUBVENCIÓNS
Blanco informou das modalidades de financiamento das que se poden beneficiar as plataformas tecnolóxicas e adiantou que o seu departamento porá en marcha en 2008 unha nova tipoloxía de axudas dentro da Orde de Fomento da Innovación Empresarial, os contratos programa, que establecerán axudas directas a proxectos singulares estratéxicos e altamente competitivos, co fin de mellorar a competitividade e a calidade do tecido empresarial.
Tamén enunciou as dúas modalidades de proxectos que poderán presentar as plataformas tecnolóxicas para acceder ás subvencións a fondo perdido de 110 millóns de euros e 300 millóns en créditos que reserva o fondo tecnolóxico europeo para Galicia e para agrupacións de empresas. Por unha parte, os proxectos integrados, grandes proxectos con presupostos superiores a 5 millóns de euros, de carácter experimental e que permitan o desenvolvemento de tecnoloxías novidosas.
Pola outra, os proxectos de colaboración transversal destinados a resolver problemas comúns a un determinado sector ou área de actividade económica, con presupostos entre 2 e 10 millóns de euros. En ambos os dous casos, o titular de Innovación e Industria detallou que as plataformas poderán completar a subvención máxima do 25% a fondo perdido que concede a UE, ata o 50% da inversión, grazas a unha modalidade específica que incluirá o seu departamento nas súas convocatorias de axuda. Outro 50% pode obterse en forma de empréstito a 8 ou 9 anos a interese cero.
LIÑAS PRIORITARIAS
Pola súa banda, Tomás Casquero foi o encargado de presentar a I Axenda Estratéxica de Investigación do Sector da Construcción Naval en Galicia, que establece "as prioridades e necesidades estratéxicas" de investigación, desenvolvemento e aplicación a medio e longo prazo para un tecnoloxía determinada e vincúlanse co desenvolvemento do documento Visión 2020.
A citada axenda estratéxica articúlase a partir de tres desafíos innovadores establecidos como prioritarios pola PTGN, como son o fortalecemento dun sector marítimo competitivo; a seguridade e sostenibilidade ambiental no deseño, construción e operación de buques e infraestruturas que satisfagan o transporte e explotación de recursos, mentres se mantén a eficiencia; e a aposta polo sector marítimo ante o desafío do crecemento económico e demográfico.
Como liñas prioritarias de traballo nas actividades de I+D+i no sector da construción naval galega, expuxo que a Axenda Estratéxica se refire a novos materiais; tecnoloxías de unión e de procesos afíns; corrosión mariña; tratamento de superficies; tecnoloxías para o deseño; avance das tecnoloxías de fabricación; aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación; técnicas de traballo aplicables á reparación de buques e xestión ambiental aplicable ao sector naval.