A Xunta financia con 33,4 millóns un total de 500 prazas para investigadores

Actualizado: lunes, 11 junio 2007 20:55

Salustiano Mato destaca o seu obxectivo de mellorar a situación dos bolseiros de investigación e convertelos en contratados

VIGO, 11 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación dedicará un total de 33,4 millóns de euros, dentro do plan de recursos humanos da Dirección Xeral de I+D+I, para financiar a súa oferta de 500 prazas para investigadores, das que 351 serán de nova creación e as 149 restantes serán prórrogas.

O director xeral de I+D+I, Salustiano Mato, presentou hoxe estas axudas ante a comunidade investigadora e científica da cidade olívica, acompañado polo vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen salientou que, mediante esta iniciativa, a administración pública pretende potenciar tanto a carreira científica como a de tecnólogo, esta última "sen precedentes en ningunha outra comunidade autónoma".

Mato afirmou que, aínda que os obxectivos da Dirección Xeral de I+D+i se centran na incorporación da innovación ás empresas, "o apoio ás universidades acadou un nivel histórico" coa inversión de 33,4 millóns de euros. Así, salientou as principais prioridades do plan, como "incentivar e optimizar a participación nas convocatorias de I+D+i" ou a colaboración en "grandes proxectos" como a Cidade Tecnolóxica, Citexvi, ou o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia.

No encontro mantido hoxe coa comunidade universitaria Mato explicou as ideas motoras do plan de recursos humanos, as convocatorias abertas, as dúas que se van publicar, os obxectivos que se pretenden e os criterios que se terán en conta. "O máis importante nesta política é as persoas", explicou, polo que precisou que as actuacións da Xunta van encamiñadas a "incrementar o número de investigadores, a súa cualificación ou a creación de condicións laborais atractivas".

Así, subliñou o seu obxectivo de mellorar a situación dos actuais bolseiros de investigación e que se convertan en contratados, "ofrecendo unhas condicións aceptables ou atractivas" tanto laborais como salariais. Mediante estes programas poderanse estruturar as carreiras investigadoras co obxectivo final da consolidación mediante contratos estables.

Para iso, salientou a súa intención de "facer un itinerario de axudas encadeado que chegue a completar o ciclo de oportunidades para definir os axentes do sistema na carreira científica" e que permita aos titulados adquirir "as ferramentas precisas para ser líder e investigador principal dun grupo". Para estruturar esta carreira establécense varios programas, como o María Barbeito na etapa de formación, o Ángeles Alvariño e Parga Pondal na etapa de incorporación, e o Manuel Colmeiro na de consolidación.

CARREIRA TECNOLÓXICA

Por outra parte, a recentemente creada carreira de tecnólogo, é un sistema pioneiro que trata de establecer un itinerario e un espazo de oportunidades que alimente a masa crítica e que está especialmente dirixido a empresas, centros tecnolóxicos e grupos de investigación.

Os programas desta opción, ao igual que na científica, tamén se estruturan en tres etapas. Para a de formación establécese o Lucas Labrada, para o de incorporación o Isabel Barreto e para a consolidación o Eloi Luis André.

"A nosa intención é manter unha liña constante de prazas, evitando a creación de embudes nos itinerarios", sinalou Mato. Así, o número total de prazas deste plan representa un aumento do 63% e contará cun presuposto de 29,41 millóns de euros, o que, á súa vez, constitúe un incremento do 120%.

DIVER-CIENCIA

Na súa reunión de hoxe Mato tamén aproveitou para adiantar o programa Diver-Ciencia, que, segundo explicou, "subvencionará accións de divulgación, comunicación científica e tecnolóxica" e substituirán aos convenios das Semana da Ciencia.

Entre as principais iniciativas na nova actividade, destacou o teatro científico e explicou que ao longo desta semana se traballarán os contidos con investigadores e profesionais do teatro, mentres que espera estrear a obra en outono.