Zona Franca impulsa un proxecto para mellorar a eficiencia ambiental de empresas do Parque Tecnolóxico de Vigo

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 19 abril 2010 21:03

VIGO 19 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Consorcio da Zona Franca e a Asociación de Empresarios do Parque Tecnolóxico de Vigo impulsan o proxecto Ecoinnova para mellorar a eficiencia ambiental das empresas situadas nese parque, e minimizar a pegada que poida deixar a súa actividade no ámbito.

Este proxecto pretende fomentar entre as empresas a modificación de patróns de produción e consumo, así como o desenvolvemento de tecnoloxías e servizos máis ecolóxicos. Ademais, busca identificar as necesidades que poidan cubrirse a través de actuacións conxuntas xestionadas dende a Asociación como, por exemplo, a recollida selectiva de residuos ou a produción de compostaxe.

Por outra banda, estas medidas tamén beneficiarán ás empresas, porque axudan á redución de custos e ao aforro enerxético, ademais de supoñer un plus na súa imaxe.

Outra vantaxe para estas empresas é que poderán recibir asesoramento en lexislación ambiental para levar a cabo accións como reutilización de embalaxes, cambio de materiais por outros máis ecolóxicos, optimización de rutas de transporte ou redución de consumo enerxético.

En Ecoinnova participan dez empresas do Parque Tecnolóxico e Loxístico e no seu proceso de implantación estudaranse casos de éxito en 'eco-innovación', e celebrarase un foro de orientación estratéxica en innovación. A partir do desenvolvemento do proxecto, elaborarase un Plan de acción conxunta e Zona Franca avaliará os resultados co fin de estudar a extensión de Ecoinnova a outros parques empresariais.

Contenido patrocinado