ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALICIA
SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Dic. (EUROPA PRESS) -
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) abriu este luns o prazo de inscrición para os XXVIII Premios de Teatro María Casares, cuxo prazo rematará o próximo 8 de xaneiro.
Segundo informou a entidade a través dun comunicado, poden presentarse a estes galardóns todos os espectáculos profesionais de teatro de actriz/actor en galego estreados no ano 2023 e no último trimestre de 2022 que non concorresen ao certame a pasada edición.
Ademais, tamén poderán participar nestes premios aquelas producións sen texto falado que empreguen o galego no seu material de promoción, o programa de man e a sinopse.
Após a modificación das bases do certame en 2022 coa finalidade de actualizalo ás tendencias escénicas actuais e recoñecer disciplinas artísticas como o teatro de bonecos, os María Casares dividiranse en 16 categorías.
Desta forma, premiaranse as categorías de maquillaxe, vestiario, espazo sonoro, espazo escénico, iluminación, texto orixinal, adaptación-tradución, actor protagonista, actriz protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, dirección de movemento, espectáculo, espectáculo infantil e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
Os galardoados daranse a coñecer no mes de marzo, durante unha gala que se celebrará en datas próximas ao Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña, onde tamén se entregará o Premio de Honra Marisa Soto.