SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Jul. (EUROPA PRESS) -
A intervención arqueolóxica na fosa de Beira (Carral), que comezou este luns para localizar unha das fosas da violencia franquista que se deu nese lugar, atopou restos óseos dunha persona.
Tal e como detallou a Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que forma parte o grupo de investigación Histagra, o achado encaixa coa descrición recollida no estudo histórico previo.
En todo caso, será necesario a análise antropolóxica forense e o posterior estudo xenético para determinar a identidade da persoa.
A intervención, que concluirá o vindeiro venres 17, constitúe unha primeira cata arqueolóxica que ten como obxectivo determinar a localización dunha das fosas da violencia franquista existentes en Beira.
E é que, sábese que entre agosto e setembro de 1936 foron enterradas en varios espazos da contorna da igrexa como mínimo 18 vítimas.
Ademais de Beira, grazas ao convenio asinado entre a USC e a Deputación da Coruña, tamén se están estudando as fosas de Serantes (Ferrol) e Boisaca (Santiago de Compostela).
Un equipo multidisciplinar da USC encárgase de desenvolver a investigación baixo a coordinación científica de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, do grupo de investigación Histagra (USC-CISPAC).
Xurxo Antelo e Lucía Santiago, investigadores de Histagra, ocúpanse da análise histórica, mentres que o estudo arqueolóxico é coordinado por José Carlos Sánchez Pardo (USC-CISPAC), do grupo de investigación AEVUM, e conta coa empresa Tempos Arquéologos para o desenvolvemento dos traballos en campo. A análise de antropoloxía forense é coordinado polo investigador Edgard Camarós (USC-CISPAC), membro do grupo GEPN-AAT.