Afundación presenta na Coruña a mostra 'Espazo e Tempo. A escultura na Colección Abanca'

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e outros representantes de Afundación, na presentación dunha exposición de esculturas
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 21 febrero 2025 14:46

A CORUÑA 21 Feb. (EUROPA PRESS) -

A sede de Afundación na Coruña presenta desde este venres, e até o 30 de agosto, a exposición 'Espazo e Tempo. A escultura na Colección Abanca'.

A mostra explora a relación entre a escultura, a pintura e a arquitectura, convidando o espectador a reflexionar sobre como estas disciplinas se complementan e se desafían mutuamente.

Á presentación, asistiron o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; o presidente de Afundación e director xeral de Responsabilidade Social, Sustentabilidade e Comunicación de Abanca, Miguel Ángel Escotet, e o responsable de xestión da Colección Abanca, Diego Cascón.

No acto cos medios de comunicación, Escotet manifestou que se trata dunha iniciativa que busca dar "a coñecer" á cidadanía as obras da Colección Abanca, integrada por máis de 1.350 pezas, e "gozar" delas.

"Este proxecto é un reto especial", dixo ao incidir en que supón a primeira vez dunha mostra "centrada na escultura" e desde unha perspectiva "ampla". "Onde as pezas escultóricas dialogan con instalacións artísticas", apostilou para incidir nos cadros que as acompañan, algo ao que fixo referencia tamén o comisario da mostra.

PERCORRIDO CRONOLÓXICO

Ademais, aludiu ao "percorrido cronolóxico" que se fai a través das 68 obras e que abarcan desde o finais do século XIX até a actualidade con presenza de diferentes autores como Eduardo Chillida pero tamén outros galegos como Caruncho ou Manolo Paz, aos que se suman outros portugueses.

"Consolidando así o vínculo cultural entre Galicia e Portugal", sentenciou o presidente de Abanca quen aludiu tamén á posibilidade de poder gozar das obras a través de dispositivos móbiles.

Pola súa banda, o comisario da exposición explicou que as obras "interactúan" co propio edificio no que se presentan e tamén inciden na creación ao longo da historia polos anos que abarcan as mesmas. Ademais, destacou os cadros como achegue ás esculturas. Deles, dixo que "xogan con ese debate entre o plano e o tridimensional".

"O que facemos é investir o papel tradicional da escultura que sempre, historicamente funcionou como suplemento ou complemento da arquitectura". "Aquí é ao revés, as obras de arte son complemento das esculturas", aseverou.

A exposición organizouse en catro plantas, cada unha cun enfoque temático e unha cronoloxía particular. Desde a "grandiosidade" do granito da obra 'Fonte de min', de Manolo Paz, até a "delicadeza das pezas en barro cocido" de Isidoro Brocos. Tamén hai obras de Jorge Oteiza, Antoni Tápies, Juan Muñoz ou Baltasar Lobo, entre outros. Tamén se incorporan citas de artitas e pensadores.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado