Alerta laranxa por tormentas na montaña de Lugo, que coincidirá co aviso vermello por calor para 109 municipios

Espéranse temperaturas iguais ou superiores aos 39 graos en zonas de Lugo e Ourense durante o primeiro día de onda de calor

Archivo - Untermómetro marca a temperatura na rúa, a 5 de agosto de 2025, en Vigo, Pontevedra, Galicia (España).
Adrián Irago - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 21 junio 2026 13:56

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jun. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, activou para esta tarde a alerta laranxa por tormentas e choivas na montaña de Lugo, que afectará a 14 municipios. Ademais, estes forman parte dos 109 que están no nivel vermello dos avisos dispostos polos efectos das altas temperaturas sobre a saúde.

   A nova alerta despregada responde á previsión da Axencia Estatal de Metereología (Aemet), que contempla este aviso desde as 15.00 até a madrugada do domingo. Segundo a súa predición, as choivas poden chegar a acumular 30 litros por metro cadrado nunha hora e as treboadas poden ir acompañadas de saraiba grande e refachos de vento moi forte.

   Ademais, xa estaba previsto que as actividades deportivas federadas e do programa 'Xogade' no exterior estivesen suspendidas na montaña de Lugo a partir do mediodía pola activación da alerta vermella por calor. Os municipios afectados e os horarios de vixencia das alertas poden consultarse na web Deporte Galego.

   Ante as fortes choivas, a Xunta recomenda circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas alagadas ou que poidan chegar a alagarse e non aparcar nas beiras dos ríos.

109 MUNICIPIOS EN ALERTA VERMELLA POR CALOR

   Respecto do aviso disposto por calor, son 109 os municipios afectados pola alerta vermella, á vez que hai outros 55 en nivel laranxa e outros 109 onde o nivel é amarelo. Isto sucede no contexto da onda de calor que está a azoutar a toda España e que a Aemet previu, como mínimo, até o mércores.

   A alerta vermella por motivos de saúde inclúe as zonas isoclimáticas do interior da Coruña, o centro e a montaña de Lugo, a montaña de Ourense e o interior de Pontevedra. Os principais grupos de risco son os maiores de 65 anos e os menores de 4 anos, ademais de persoas con enfermidades.

   Segundo a predición de Meteogalicia, as altas presións situadas ao norte da península Ibérica atraeron unha masa de aire moi cálida procedente do norte de África que estará sobre Galicia até o mércores. "Isto, combinado co ceo despexado e as moitas horas de sol, fará que as temperaturas alcancen valores moi elevados", explica a Consellería de Sanidade, que pide seguir as recomendacións trasladadas.

MÁXIMAS DE 39 GRAOS OU MÁIS

   Estes avisos sanitarios diferéncianse das diferentes alertas meteorolóxicas que lanzan os servizos autonómico e estatal, que obedecen ás temperaturas e fenómenos previstos. En base a elas, prevese que zonas de Lugo e Ourense alcancen os 39 graos e mesmo os superen.

   Á altura do mediodía do domingo, varias estacións de Meteogalicia xa recolleron valores superior aos 31 graos. Por exemplo, Ribas de Sil (Lugo) rexistrou 33.3 ºC ás 12.20 horas; Laza (Ourense), 32.2 ºC ás 12.20, e Verín (Ourense), 31.9 ºC ás 12.20.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado