SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Mar. (EUROPA PRESS) -
O reitor saínte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, felicitou este mércores á recentemente reitora electa, Rosa Crujeiras, polos resultados alcanzados nas eleccións --61,65% do voto ponderado-- e polo "apoio moi sólido para afrontar os futuros anos".
Nun audio difundido aos medios após coñecer os resultados electorais, López destacou a "alta participación" do proceso, "o que lexitima moito a elección da nova reitora". Así mesmo, agradeceu a todas as participantes --Rosa Crujeiras, Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira-- "por participar tan intensamente".
Con todo, enxalzou os resultados alcanzados por Crujeiras e asegurou que estes "lle permitirán tamén superar as controversias que se puideron xerar sobre a campaña e tecer o mellor consenso de toda a comunidade universitaria para lograr os mellores éxitos para o futuro".