Arrinca o prazo da USC para solicitar praza en másteres con criterios específicos e de formación do profesorado

Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 7 junio 2021 19:50

SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Jun. (EUROPA PRESS) -

Desde este luns, día 7 de xuño, permanece aberto o prazo para a solicitude de admisión en másteres con criterios de selección específicos, así como no máster de formación do profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Escolas de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Nun comunicado, a universidade explicou que este prazo, que permanecerá aberto até o próximo 20 de xullo, é un dos que contempla o calendario de Xestión Académica da USC para o curso 2021/2022 que acaba de ver a luz e no que se dá conta dos períodos de admisión e matrícula tanto para inicio como continuación de estudos en grao, máster, cursos ponte, doutoramento, así como posgrao propio e formación continua.

O calendario para inicio de estudos de grao está estruturado en oito prazos de matrícula, ademais dun prazo extraordinario o setembro para alumnos de fóra de Galicia e outro específico para as prazas que queden vacantes na USC.

O primeiro dos prazos estenderase do 9 ao 12 de xullo. Así mesmo, entre o 1 de xullo e o 7 de setembro, poderase formalizar a matrícula para continuar estudos de grao na USC, así como para continuar na institución compostelá estudos iniciados noutras universidades.

O documento que acaba de publicarse contempla tamén que o primeiro prazo para solicitar a admisión nos programas de doutoramento irá do 1 ao 10 de setembro; mentres que entre o 1 e o 30 de xullo será a quenda para solicitar praza nos cursos ponte.

Outros dos contidos abordados no calendario son os cambios de matrícula e recoñecementos; outros estudos e actos académicos; así como os prazos relativos a calendario de exames, renuncia a convocatorias e xestión de actas. A docencia no primeiro semestre estenderase do 6 de setembro ao 22 de decembro; e no segundo, do 31 de xaneiro ao 13 de maio.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado