SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Mar. (EUROPA PRESS) -
O conselleiro delegado do Banco Pastor, Jorge Gost, asegurou que a súa entidade "estuda con interese" a compra de oficinas de Novacaixagalicia (NCG) na Comunidade galega, aínda que descartou "unha operación con NCG a nivel global de consolidación" xa que a vai como "moi complexa".
Á pregunta de se a entrada no conxunto de accionistas en NCG depende de se o Banco Pastor lidera a operación --nunha entrevista concedida á Radio Galega, que recolle Europa Press-- Gost subliñou que cre que esa "é unha operación que non se está a contemplar, nin un camiño que se está a seguir".
"Unha operación con Novacaixagalicia a nivel global de consolidación é unha operación moi complexa, e non sei ata qué punto pode ser bo para Galicia, porque suporía un peche de sucursais moi importante, e unha perda laboral moi importante, polo que nós non estamos a contemplar este aspecto," remarcou Gost.
Neste sentido, explicou que "calquera operación que sexa seguir fortalecendo" a presenza do Banco Pastor en Galicia a ve "con bos ollos". "Polo tanto, opcións como son a compra de oficinas, etcétera, é algo que por que non podemos estudalo?", apuntou.
"Creo que a entidade NCG ten uns xestores á fronte que merecen todo o meu respecto, eu coñezoos persoalmente e profesionalmente, e creo que son persoas moi capaces", sinalou Gost en referencia a Novacaixagalicia, ao que engadiu que lles desexa "o mellor nesta nova etapa".
Así, apuntou que non mantivo conversacións coa Xunta sobre a adquisición de oficinas, xa que defendeu que "con quen hai que manter" estes contactos cos dirixentes da caixa galega, aínda que apuntou que co Goberno galego teñen reunións periódicas de análise da situación global.
REDES "ESTRATÉXICAS"
Deste xeito, o conselleiro delegado do Banco Pastor apuntou que están interesado "non solo na rede de NCG, senón na rede de todas aquelas zonas que son estratéxicas de crecemento". "Para nós Galicia, dentro da nosa estratexia, é un piar fundamental, igual que o é Madrid ou Cataluña, porque son dúas zonas onde se concentran máis do 60 por cento da actividade bancaria do país".
Así, apuntou que o Banco Pastor "está interesado en crecer" a través dunha "posición de liquidez e dos ratios básicos de xestión moi por enriba da media". "A Nosa posición é confortable pero ao mesmo tempo como xestores esíxenos analizar todas aquelas oportunidades que se poidan dar no sistema financeiro español en xeneral", onde incluíu "operacións xa sexa de consolidación ou compra de oficinas", e avogou por "analizalo, velo e estudalo".
Por iso, asegurou que "existen opcións de consolidación con outras caixas", aínda que "non poden ser caixas de tamaños moi grandes", e segundo dixo, estase nunha fase "moi preliminar" de estudio interno para ver "onde pode haber opcións e posibilidades".
"Non se poden facer operacións para ter tamaño polo simple feito de ter tamaño", xa que avogado por "seguir nunha boa situación de tamaño" con "operacións que non poidan poñer en perigo" este estatus.
REFORMA MAPA FINANCEIRO
En canto á reforma do sistema financeiro levada a cabo no Estado, Jorge Gost subliñou que "se avanzou" ata chegar a un conxunto dunhas "20 ou 25" entidades, que ve como "un paso adiante", a pesar de que considera que "é un proceso que hai que acelerar e todo o que haxa que facer, hai que facelo rápido e con decisión".
Así, apuntou que este momento de "grande indefinición" produce un momento de "parálise" que, ao seu xuízo, ten como consecuencias "un impacto moi grande na economía real", pois "o diñeiro e o crédito non flúe".
Xunto a isto, remarcou que os diferentes criterios de esixencia para as caixas que para os bancos é resultado dunha cuestión de "confianza", pois "se sementaron demasiadas dúbidas sobre a viabilidade das caixas", que achacou a unha cuestión de "percepción".
En canto ao papel do Banco de España destacou que "fixo moitas cousas boas" como producir que os activos tóxicos "non estean nos balances da banca española".
AMPLIACIÓN CAPITAL
Á cuestión de se o Banco Pastor terá problemas coa ampliación de capital, Gost asegurou que "non" xa que "quedan varios días para chegar ao período final de subscrición" e "está a avanzar un ritmo francamente bo".
"Creo que o cubriremos folgadamente mesmo antes de tempo", afirmou, xunto ao que engadiu que a exposición do Banco Pastor ao ladrillo sitúase "en torno ao 18 por cento do balance" que situou na media, para facer fincapé en que a parte da exposición que está con problemas --risco subestándar máis dubidosos-- "dá unha liña totalmente aliñada coa media do sector".