SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -
A deputada e responsable de Infancia do BNG, Ariadna Fernández, esixiu á Xunta que garanta o benestar dos menores dos centros residenciais de responsabilidade autonómica. Neste sentido, tachou de "lamentable" a situación do sistema galego de protección e lembrou que "até a propia conselleira recoñece que está sobre saturado, ao 108% da súa capacidade".
En concreto, a nacionalista reclamou que se revisen os ratios e os perfís de traballadores que atenden os centros e residencias en horario nocturno "para adecualas a unha correcta atención dos menores".
Nesta liña, esixiu que os equipos técnicos do menor dos diferentes departamentos territoriais "non sufran unha rotación de persoal constante que impide que os seguimentos dos casos sexan os acertados".
A deputada lamentou que os ratios de persoal son "insustentables" e asegurou que os "continuos cambios no mesmo" afectan á atención aos menores, que se ve "claramente minguada" e coa "imposibilidade" de crear vínculos e relacións de apego cos educadores.
"Manter unha contorna segura, onde a atención sexa o máis persoal e completa posible e se prime sobre todas as cousas o benestar do menor, para que á hora de saír teñan capacidades, estabilidade e ferramentas para optar a un futuro con opcións para se mesmos é unha obrigación da Xunta", explicou.
Por todo iso, o BNG insistiu nun comunicado na necesidade dunha avaliación "exhaustiva e completa" da totalidade do sistema de protección.
"Tendo en conta as necesidades dos usuarios e as previsións de futuro, cun aumento dos orzamentos nesta materia e cunha vontade clara de modificar e cumprir logo estritamente o Decreto 329/2005 do 28 de xullo, totalmente obsoleto, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, coa intención de garantir o benestar dos menores", sinalou o BNG.