O BNG reclama "reiniciar" a avaliación ambiental da planta de Cacheiras e leva iniciativas ao Parlamento

Concentración da Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras ante o Consistorio de Teo, onde se celebrou un pleno extraordinario sobre a instalación industrial
PLATAFORMA STOP PLANTA DE RESIDUOS CACHEIRAS
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 16 abril 2026 13:30

   TEO ( A CORUÑA), 16 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A oposición veciñal á localización en Cacheiras, no municipio coruñés de Teo, dunha planta de tratamento de residuos da construción nunha zona con vivendas moi próximas chegará ao Parlamento de Galicia a través dunha batería de iniciativas impulsadas polo BNG, que reclama á Xunta "reiniciar" o proceso de avaliación de impacto ambiental.

   Mediante unha proposición non de lei e preguntas tanto en comisión como no pleno da Cámara galega, o BNG incluirá no debate parlamentario a oposición veciñal a un proxecto industrial que xerou protestas, a última delas este sábado, cando a Plataforma Stop Planta de Residuos Cacheiras-Aldeas Limpas convocou unha camiñada reivindicativa.

   O BNG expresou o seu respaldo á acción de protesta ao redor dos terreos nos que escavacións Midón quere situar a planta de residuos da construción. Os manifestantes sairán ás 10.00 horas desde o parque infantil da Torre, unha das aldeas máis próximas, xunto con Feros.

PROPOSTAS

   Ademais de apostar por volver facer a avaliación ambiental do proxecto, o BNG tamén lle reclama á Xunta que se reúna "de maneira inmediata" con representantes da Plataforma Stop Planta de Residuos Cacheiras-Aldeas Limpas, que xa solicitaron unha reunión coa Consellería de Medio Ambiente.

    A deputada nacionalista Saleta Chao subliña que a localización da planta de Midón, "próxima ás casas e a un centro educativo", preocupa aos veciños, que "teñen dereito a que a Xunta escoite as súas demandas, dialogue e garanta unha localización que non provoque prexuízo para a súa vida".

   Pola súa banda, o portavoz do BNG en Teo, Eloi Devesa, tacha de "auténtico despropósito" o proxecto, xa que "provocaría ruído constante, po en suspensión e tráfico pesado por pistas inadecuadas". "Unha condena para o rural, que se está vendo ameazado diante da parálise do goberno municipal, que nin informou á veciñanza nin presentou alegacións nin se personou no expediente, é dicir: abandonaron aos veciños", expón en referencia ao concello, gobernado con maioría absoluta polo PP.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado