SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Jun. (EUROPA PRESS) -
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, trasladou este mércores a súa "solidariedade" aos traballadores de Alcoa, que se manifestaron en Santiago, e reclamou o Goberno central e á Xunta que deixen de mirar para outro lado" ante as necesidades da factoría.
En declaracións aos medios durante a concentración dos empregados ante a Xunta, reclamou medidas concretas de política industrial para favorecer a permanencia desta factoría. "Os traballadores, con criterio, están a demandar unha tarifa eléctrica axeitada ás necesidades da factoría e as autoridades non poden seguir mirando absolutamente para outro lado", dixo.
Vázquez destacou que agora están "en risco" os máis de 400 empregos da fábrica de A Coruña, que está suxeita a un ERE, e dixo que Galicia "non se pode seguir permitindo a sangría do desemprego e que desapareza toda a produción industrial". Se isto continúa así, advertiu, os galegos veranse "abocados como única saída á emigración histórica".
O "drama do paro", continuou, hai que combatelo "con medidas concretas". "Parécenos intolerable que a única política sexa destinar centos de miles de millóns á banca. É hora de empezar a preocuparse pola xente, dos traballadores e cambiar o rumbo dunha vez por todas", reclamou o nacionalista.