O buque ruso 'Sevmorput' pasará esta madrugada a 50 millas de Galicia con vixilancia "permanente" da Mariña Mercante

O Estado apela á calma e di que o barco non notificou ao Organismo Internacional de Enerxía Atómica "ningún tipo de incidente nuclear"

Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 21 diciembre 2020 18:23

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Dic. (EUROPA PRESS) -

   O buque de propulsión nuclear ruso 'Sevmorput' navegará a partir desta madrugada a unhas 50 millas das costas galegas, como parte da súa viaxe cara a San Petesburgo, cun "seguimento permanente" por parte da Mariña Mercante.

   Ademais, segundo asegura o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana nun comunicado, "reforzarase" o control do barco a través do Centro de Coordinación Nacional de Salvamento Marítimo coa colaboración do Consello de Seguridade Nuclear.

   De feito, nunha reunión de coordinación, este último organismo xa informou á Mariña Mercante que o buque "non notificou ao Organismo Internacional de Enerxía Atómica ningún tipo de incidente nuclear" durante a súa travesía, algo que sería "de obrigado cumprimento" se se detectase calquera tipo de anomalía que supuxese a liberación de material radioactivo.

   O Ministerio tamén indica na nota de prensa que os sistemas de vixilancia radiológica ambiental españois non detectaron "ningún valor de medida anómalo" nos días que navegou pola zona marítima das Illas Canarias.

   Así, o departamento que dirixe José Luís Ábalos garante que Salvamento Marítimo realiza unha vixilancia "permanente" do 'Sevmorput' e que, até o momento, o seu traxecto continúa "sen que reportase novas incidencias técnico-náuticas".

   Por iso, a Mariña Mercante fai un chamamento á "tranquilidade" e expresa o seu "desexo" de que o buque atraque en San Petesburgo na data prevista: 31 de decembro. Non obstante todo iso, a Dirección Xeral lembra que, de producirse algunha incidencia, Salvamento Marítimo está "preparado" para dar unha resposta "inmediata".

DENUNCIA DE ARCO IRIS

   Antes deste comunicado do Ministerio de Transportes, a asociación ecoloxista Arco Iris remitiu outro no que advertía que o paso do 'Sevmorput' fronte a Galicia cunha "propulsión limitada" faría que a súa travesía resultase "particularmente perigosa no medio dun mar encrespado".

   E é que, de acordo con cifras deste colectivo, o buque ruso navega cara ás costas galegas a unha velocidade de 10,5 nós, polo que se espera que chegue á vertical de Vigo pasada a medianoite.

   Neste contexto, Arco Iris instou a Salvamento Marítimo a manter en estado de alerta a embarcación 'Don Inda', xa que, en caso "de emerxencia de rescate", o gran tamaño do 'Sevmorput' "faríao ingobernable".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado