Cancelada a edición de 2020 da feira Conxemar de Vigo

Europa Press Galicia
Publicado: martes, 7 julio 2020 14:42

VIGO 7 Jul. (EUROPA PRESS) -

A directiva da asociación Conxemar, organizadora da feira de produtos do mar co mesmo nome, anunciou este martes a suspensión do certame este ano, previsto para outono, debido á "incerteza" e ao "impacto" da pandemia de coronavirus en todo o mundo.

Así, a XXII edición da feira, que ía celebrarse do 6 ao 8 de outubro no Instituto Feiral de Vigo, foi cancelada "após moitas semanas avaliando o progreso da pandemia" e após consultar "á maioría" dos seus clientes, segundo informou Conxemar a través dun comunicado.

A organización apuntou que a actual situación implica restricións para viaxar a nivel internacional, e subliñou que a "seguridade de expositores e visitantes" é a súa "maior preocupación". Por iso, optou por cancelar o evento, que na súa edición de 2019, tivo máis de 37.000 visitantes e case 750 expositores de diferentes países do mundo.

"Lamentamos profundamente esta decisión, sendo conscientes do que significa para os nosos clientes e a nivel económico, especialmente nestes momentos tan duros, para a nosa cidade, á que lle estamos moi agradecidos polo apoio que sempre nos deu desde o inicio da nosa feira", trasladou Conxemar.

Finalmente, a asociación confirmou que a próxima edición do evento terá lugar entre o 5 e o 7 de outubro de 2021, no recito feiral vigués. "Esperamos poder contar coa ampliación de 5.000 metros cadrados solicitada para o próximo ano", apostilaron desde a organización.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado