O Centro Dramático Galego estrea 'Os actos e as profecías' con funcións no Salón Teatro até o 26 de maio

A produción enmárcase no proxecto europeo 'Phone' para a posta en valor das linguas minorizadas

Presentación do espectáculo producido polo Centro Dramático Galego (CDG) 'Vos actos e as profecías'.
XUNTA
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 9 abril 2024 14:22

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O Centro Dramático Galego (CDG) estrea a obra 'Os actos e as profecías', a produción central do seu 40 aniversario, unha comedia que inventa un universo ao redor dos talent show, que cambiará a distribución do espazo do Salón Teatro e que contará cun elenco de 20 actores e actrices dirixidos por Tamara Canosa, acompañada na dramaturxia de Xacio Baño.

   A estrea terá lugar o xoves ás 20,00 horas e estará no teatro compostelán até o 26 de maio. Haberá funcións de mércores a domingo ás 18,00 horas, cunha segunda función ás 21,00 horas os venres e os sábados.

   As entradas poden adquirirse dúas horas antes de cada función no despacho de billetes do Salón Teatro ou na web ataquilla.com. Haberá descontos do 40% os mércores e o día do espectador será o domingo.

   Sobre a luminosidade das dos vagalumes xirará tamén esta historia, que en palabras da súa directora, Tamara Canosa, transformará o espazo para pór á xente "no centro" e que os actores se sitúen á dereita, rodeando aos espectadores. "Por iso esta escuridade, porque os vagalumes necesitan da escuridade para brillar", exemplificou este martes na presentación da obra.

   Neste sentido, explicou que o protagonismo dos vagalumes nace duns versos de Fran Cortegoso, así como do artigo de Passolini de 'A desaparición dos vagalumes'.

   Tamén destacou que haberá "un pacto especial" entre un dos personaxes protagonistas e o público, que formará parte da obra sendo "aspirantes, concursantes, ás veces público dun teatro ou de televisión". Do mesmo xeito, avanzou que nun dos momentos finais o público asistente terá "unha experiencia única e distinta cada vez".

"UNHA COMEDIA SOBRE A SOIDADE"

   Para o actor Manuel Cortés, 'Os actos e as profecías' é unha comedia "sobre a soidade". "Todo o que rodea a unha comedia está aquí e todo o que implica a perspectiva diferente a partir da comedia da soidade creo que tamén está aquí", resumiu.

   Así mesmo, Cortés sinalou que para el é "un privilexio" compartir escenario con actores e actrices "con tanto talento, en calidade e en cantidade", ademais de supor "un encontro interxeneracional".

   Ao mesmo tempo, tamén aproveitou para lanzar unha "crítica positiva" ao Centro Dramático Galego, que celebra o seu 40 aniversario, ao que agradeceu "o esforzo" nesta efeméride, pero reivindicou que lle gustaría que ese esforzo "fose mantido no tempo". "A cultura galega está moi ancorada nos 'sprints' e formamos parte dunha carreira de fondo", manifestou.

"EQUIPAZO"

   Na presentación tamén tomou a palabra o director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que felicitou ao "equipazo" deste espectáculo e animou a todos os espectadores de Santiago e dos concellos próximos desde os que se facilitarán autobuses a que se acheguen ao Salón Teatro porque, engadiu, "verán un espectáculo digno de achegarse ao teatro".

   Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro 'Cou', Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal son os 20 nomes do elenco, un dos máis numerosos dos contratados pola compañía pública galega nos seus 40 anos de historia.

   Forman parte tamén do equipo de 'Os actos e as profecías' Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay á fronte do deseño do vestiario e a caracterización; Rut Balbís, do movemento; José Faro, do espazo escénico e xunto a Iván Núñez tamén da iluminación; Xosé Lois Romero, do espazo sonoro; e Laura Míguez no acompañamento a Tamara Canosa nos labores de dirección.

Contenido patrocinado