Centros de Santiago, Ferrol, Pontevedra, Cangas, A Fonsagrada e As Neves gañan os II Premios #DígochoEu

Premios '#DígochoEu' 2023 coa xornalista e presentadora Esther Estévez.
CRTVG
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 16 mayo 2023 20:07

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

   Centros educativos e institutos de Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Cangas, A Fonsagrada e As Neves foron os distinguidos na segunda edición dos Premios #DígochoEu de vídeos en galego que reparte a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).

   Máis de 700 alumnos de 20 colexios asistiron na tarde deste martes a unha gala celebrada na Cidade da Cultura, na capital galega, e que estivo presentada pola xornalista Esther Estévez, que dirixe o proxecto '#DígochoEu'. Ao evento asistiu o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, que tamén forma parte do xurado.

   Na categoría de Educación Primaria, resultaron premiados os vídeos presentados polo CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, coa distinción de ouro; o CEIP Plurilingüe de Ponzos de Ferrol, coa de prata; e o CPR Plurilingüe Sacro Corazón de Praceres de Pontevedra, coa de bronce.

   Na de Secundaria, o '#DígochoEu' de ouro foi para o IES Monte Carrasco de Cangas, seguido do IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada (Lugo), que se levou o de prata; e o EFA A Cancela, das Neves (Pontevedra), que gañou o de bronce.

OUTROS GALARDÓNS

   Así mesmo, recibiron premios especiais do xurado os vídeos enviados polo CEIP de Quiroga (Lugo), na categoría de Primaria; e para o IES N1 da Estrada (Pontevedra), na de Educación Secundaria.

   Tamén se resolveu o concurso 'Unha canción para Esther', entre o cinco grupos finalistas. O primeiro premio foi para King Kids, co tema 'Dígocho Eu'. En segundo lugar quedou 'Olimpíadas rurais', de Diego de Braelle, seguido de 'Mentiras que o lume prendeu', de Chamaquito Pistolas; 'Río', de Rhome; e 'Dáche igual', de Hydn e Chris Indian.

   A gala emitirase pola Televisión de Galicia este mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 12,00 horas. O acto contou coa colaboración da Xunta e de Gadis.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado