SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jun. (EUROPA PRESS) -
Varias decenas de persoas participaron este mércores nunha concentración convocada pola CIG-Ensino, ante a sede central da Consellería de Educación en San Caetano, en Santiago, para reivindicar os dereitos que foron "arrebatados" desde 2009 ao profesorado.
Ademais, se esta situación non se corrixe co novo curso, a organización non descarta "nada" en canto a medidas de presión, tampouco unha folga nos primeiros meses do ano académico. "Comezaremos quentando o ambiente para encamiñarnos a calquera loita que sexa necesaria", avanzou a secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, en declaracións aos medios de comunicación.
O motivo desta concentración, a cal secundou o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG), é que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, "rectifique" nas súas políticas e "comece de novo unha negociación para recuperar os dereitos arrebatados e para valorizar a profesión docente".
Neste sentido, Arroxo referiuse ao acordo asinado entre a Xunta e os outros tres sindicatos presentes na mesa sectorial --CCOO, ANPE e UXT-- en outubro de 2023, que reducía os cocientes e o horario lectivo. A CIG non o asinou por consideralo insuficiente.
"Cando estamos a pedir á Consellería que rectifique, tamén llo estamos pedindo aos sindicatos que o asinaron", insistiu, porque este documento "hipoteca as futuras negociacións" para baixar tanto os cocientes como o horario, ao seguir sendo superior ao que había antes de 2011, cando a Xunta de Alberto Núñez Feijóo subiuno de 21 a 25 horas en Educación Primaria e de 18 a 21 en ESO e Bacharelato.
Así mesmo, a responsable de CIG-Ensino reclamou liberar de burocracia ao profesorado: "Precisamos dedicarnos ao que nos gusta, ás tarefas didácticas".
PIDEN O CESAMENTO DO RESPONSABLE DE INSPECCIÓN
Xunto a todo iso, esta protesta tamén serviu para reclamar o cesamento do subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, Enrique Prado Cova, por varios artigos que publicou en Internet nos que encomia a Vox, chama "clase ociosa" ao profesorado, cuestiona as políticas de inmersión lingüística e refírese á identidade de xénero e á loita contra a violencia machista como "armas ideolóxicas".
"Un home que, agora mesmo, se se fixese o que el desexa, a CIG sería un organismo ilegalizado, xa que non quere organizacións nacionalistas", denunciou Arroxo.
Nos últimos días, tanto o conselleiro de Educación como o de Presidencia, Diego Calvo, reclamaron "tolerancia" coa "liberdade de pensamento" do subdirector xeral como "funcionario".
"Nós non queremos tolerancia con ese home. Ese home ten que ser automaticamente cesado. Non estamos a pedir o cesamento dun funcionario, estamos a pedir o cesamento dun cargo político que chama ao profesorado clase traballadora ociosa", esgrimiu a responsable de CIG-Ensino.
Como pano de fondo desta polémica están as polémicas instrucións para o novo curso que publicou a Consellería de Educación. Este documento inclúe a "neutralidade ideolóxica" das actividades complementarias dos centros, que precisamente deberán ser informadas a Inspección.
POSIBLE FOLGA PARA O NOVO CURSO
Sobre unha posible folga para o inicio do próximo curso como a convocada en Asturias, a CIG, que é a central maioritaria na educación pública galega, xa avanzou que non a descarta.
Precisamente, este mércores ofrecía unha rolda de prensa STEG, que chamaba tanto a CIG como a CSIF a reunirse co obxectivo de coordinar medidas reivindicativas en contra do acordo de 2023, entre elas unha folga indefinida.
Preguntada respecto diso, Laura Arroxo sinalou que xa houbo "unidade sindical" até o ano 2019, cando aínda se reclamaba volver ás condicións laborais de 2009, pero que tras a pandemia cambiaron "as prioridades" e iso terminou con CCOO, ANPE e UXT asinando a redución de cocientes e horarios co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
"A partir de aí", engadiu a secretaria nacional de CIG-Ensino, convocáronse até dúas xornadas de folga con STEG e CSIF en contra deste acordo.
"Imos seguir pelexando, por suposto, e iremos acompañados de todas aquelas organizacións que nos apoien. Non só sindicais, cónstanos que hai Anpas que están de acordo coas nosas peticións porque son melloras laborais para o profesorado, que veñen unidas a unha mellora no ensino público galego", ha expliado.