SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 May. (EUROPA PRESS) -
De recibir clases 'online' de galego a viaxar á comunidade e especializarse en disciplinas como gaita, baile ou cociña tradicional para, posteriormente, poder transmitir ese coñecemento nas entidades galegas no exterior. Son algunhas das vías que a Xunta promove para favorecer a aproximación lingüística e cultural na emigración.
Así o traslada a Administración autonómica nunha resposta á deputada do BNG Iria Taibo, quen insta o Goberno que dirixe a Alfonso Rueda, a través dunha pregunta rexistrada na Cámara autonómica, a aclarar que pasos dá para facilitar aos emigrantes a aprendizaxe e contacto co galego, e para que se respecten "os seus dereitos lingüísticos" recollidos na Lei de Normalización.
Non en balde, denuncia que os consulados non permiten levar a cabo os seus trámites en lingua galega, o que supón, agrega o BNG na súa iniciativa, "unha vulneración dos seus dereitos lingüísticos".
Pola súa banda, a Xunta defende que desenvolve, en colaboración cos centros galegos do exterior, diversas iniciativas destinadas a promover e difundir a lingua e a cultura galegas no exterior, co obxectivo de que os residentes noutros países poidan "manter e reforzar o seu vínculo" a pesar da distancia xeográfica.
Ademais, destaca que o Goberno galego "non só facilita" que os centros galegos no exterior presenten a súa documentación en galego, senón que tamén incentivan o seu uso. Tanto é así que, segundo explica, na convocatoria dos diferentes programas fíxase unha maior puntuación para aqueles centros que presentar os proxectos en galego.
'AULA GALICIA ABERTA': 1,3 MILLÓNS DE VISUALIZACIÓNS
Entre as iniciativas que destaca a Xunta na súa resposta ao BNG, stiúa o programa 'Aula Galicia Aberta', impulsado pola Secretaría Xeral de Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, e que ten como finalidade a formación e a divulgación da lingua e da cultura galega no mundo a través de distintas actividades e seminarios.
No marco do mesmo desenvólvense as aulas de lingua e cultura galega, cuxo obxectivo é "promover e preservar" a lingua e a cultura galega entre os residentes no exterior.
Estas clases en liña están dirixidas a todas aquelas persoas interesadas no galego, tanto con coñecementos previos como sen eles, facilitando así o acceso á aprendizaxe e ao coñecemento da cultura da comunidade. No último ano, esta iniciativa alcanzou un total de 1,3 millóns de visualizacións nas diferentes plataformas.
'ESCOLAS ABERTAS'
A implantación de talleres financiados pola Xunta e promovidos polas entidades inscritas no 'Rexistro de Galeguidade' son outra vía, como a iniciativa 'Escolas Abertas', un programa que ten como finalidade a formación dos profesores e profesoras que imparten docencia nos diferentes centros galegos do exterior.
Na súa web Emigración detalla que os cursos previstos --que levarán a cabo no mes de xullo-- contemplan talleres de especialización nas seguintes modalidades: formación de persoal directivo, gaita, baile tradicional, percusión tradicional, canto popular e pandereita, confección de traxe tradicional galego e cociña galega.
A resposta remitida á Cámara agrega que no ano 2025 o programa beneficiou a 44 docentes de entidades galegas que no exterior atenden a máis de 5.000 alumnos e alumnas.
'DÍA DAS LETRAS'
Doutra banda, ademais doutras iniciativas de carácter cultural como o 'Ciclo Mestre Mateo', unha iniciativa impulsada en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e as entidades galegas no exterior, a Xunta destaca a conmemoración no exterior do 'Día das Letras Galegas'.
Entre outras cuestións, incide no envío de materiais divulgativos e libros do autor ou autora que cada anos de homenaxea o 17 de maio, contribuíndo así á difusión da literatura galega. No ano 2025, 85 centros galegos de todo o mundo realizaron actividades polo 'Día das Letras Galegas'.